Unións Agrarias reclámalle á Consellería de Medio Ambiente que despexe as dúbidas sobre a aplicación das medidas de control do xabaril no Tecor de Lalín e na comarca do Deza. O sindicato apremia á Xunta a concretar as accións autorizadas dado o avanzada que está a campaña do millo, comezando a aproximarse a colleita, momento no que adoitan incrementarse os danos.
Dende Unións piden iniciar o despregue das propostas preventivas nas que se inclúen as autorizacións de adestramentos cos cans, as intervencións en zonas vedadas, as esperas e as batidas extraordinarias, mesmo preventivas antes de que se produzan os danos na colleita.
O sindicato reclama que se active o plan cinexético do Tecor de Lalín para frear os danos ós cultivos
O sindicato amosase preocupado porque aínda non estean aprobadas, pola Consellería de Medio Ambiente, as medidas que incorpora o Plan Anual de aproveitamento cinexético do Tecor de Lalín. Neste plan os cazadores incluíron melloras e novos obxectivos de xestión cos que lograr unha maior eficacia na prevención dos danos.
Esixen á Administración que cumpra os prazos e os compromisos e proceda a completar o procedemento administrativo que permita a posta en marcha inmediata de tódalas medidas previstas para aumentar a eficacia da Sociedade de Caza de Lalín no control dos danos nos cultivos a causa do xabaril.
Consideran fundamental actuar antes de que produzan máis danos nas colleitas e espantar as mandas de animais da proximidade dos cultivos levándoos cara o monte. Tamén reclaman impedir os destrozos nas zonas vedadas e desenvolver esperas nas zonas máis sensibles de cultivo onde se estean a asentar as mandas de xabaril.