
Félix Porto e Jacobo Feijóo coa Conselleira do Medio Rural, María José Gómez
Unións Agrarias (UUAA) mantivo unha reunión de traballo coa Consellería do Medio Rural para abordar as prioridades máis urxentes e propostas técnicas que permitan ampliar o alcance das axudas, adaptalas ás casuísticas reais do territorio e elevar os topes por concepto, coa fin de responder á severidade dos danos e ao bloqueo de moitas explotacións na súa base territorial, infraestruturas e producións.
Medidas urxentes (acordos e peticións):
•Alimentación para o gando: acordo para facer chegar nos vindeiros días até 32 tráilers de alimento, coa colaboración da Xunta na cobertura dos custos de apañado da herba e loxística de transporte.
•Exención de prohibición automática de pastoreo: UUAA solicitou que a Consellería publique de oficio a exención dos 2 anos de veto ao pastoreo nas zonas afectadas polo lume, para non impedir a aplicación de forza maior nas solicitudes da PAC das explotacións afectadas.
•Abastecemento de auga: reclamouse seguimento continuo da calidade das traídas veciñais e subministración para gando, coa garantía de cisternas e auga embotellada cando sexa preciso, ante posibles episodios de contaminación.
Melloras nas liñas de axudas (propostas de UUAA):
•Ampliación de beneficiarios e adaptación ás casuísticas detectadas no territorio (tipoloxía de danos, estruturas afectadas, perda de base territorial, etc.).
•Incremento de topes por explotación para cubrir a severidade dos danos actuais: nas últimas convocatorias, as axudas á alimentación limitábanse a 3.000 €/explotación; UUAA propón elevar substancialmente ese límite. A Consellería estuda un incremento até 15.000 €, de xeito acorde ao impacto real.
•Valorización de gando ferido ou morto: UUAA pediu aplicar o baremo utilizado nas indemnizacións por EHE como referencia obxectiva para a valoración; a Consellería tomou nota da demanda.
PAC e forza maior
A Consellería informou das xestións co Ministerio e coa UE para activar a excepcionalidade de forza maior tanto nas axudas do primeiro como do segundo piar da PAC, co obxectivo de que ningunha explotación se vexa penalizada por circunstancias alleas á súa vontade.
Prevención e futuro próximo:
•Pagos directos polo coidado do territorio: UUAA defendeu incorporar pagamentos específicos a agricultores e gandeiros polo servizo ambiental que prestan as terras de cultivo e pastoreo, demostradas como cortalumes eficaces en situacións climáticas extremas.
•Medios e útiles de proximidade: reclamouse a dispoñibilidade de cisternas e apeiros de uso na extinción a nivel local, pola súa eficacia na protección dos núcleos.
•Faixas arredor das vivendas: abrir debate sobre fórmulas alternativas ás actuais para o mantemento das faixas de seguridade, evitando que a carga recaia en poboación envellecida, con escasos recursos e dificultade para atopar man de obra no rural.
Seguimento, documentación e tramitación:
•Interlocución fluída: ambas partes acordaron manter canles de diálogo para detectar colos de botella na aplicación das axudas.
•Oficinas de UUAA: xa están a recopilar sobre o terreo datos técnicos e administrativos das explotacións afectadas (títulos de propiedade, contratos de arrendamento, documentación laboral) e a valorar infraestruturas e elementos danados para axilizar as solicitudes en canto se publiquen as Ordes correspondentes.
•Recomendación ás explotacións: documentar desde xa os danos con fotografías xeorreferenciadas e datadas, para facilitar futuras solicitudes e xustificacións.
Galego









Control OJD