Unións solicita á Xunta un compromiso serio para o pago dos danos da fauna salvaxe

Unións solicita á Xunta un compromiso serio para o pago dos danos da fauna salvaxe

Unións Agrarias  solicitará estes días unha reunión de traballo coa Consellería de Medio Ambiente, para concretar o anuncio do Presidente da Xunta da semana pasada, sobre a posta en marcha dun paquete de axudas, dotado con ata 2,5 millóns de euros, para a prevención e pago dos danos da fauna salvaxe. Estes cartos procederían dun pago extra de 20 millóns de euros do Goberno Central, por ter cumprido a Xunta de Galicia cos obxectivos do déficit para 2015.

Unións Agrarias invita a Administración galega a un diálogo cos axentes do sector para sentar as bases dun fondo permanente para o pago dos danos da fauna salvaxe e cinexética na agricultura. “Fondo que non pode estar ao capricho dunha administración ou a existencia de remanentes económicos, senón que ten que formar parte da política estrutural da Consellería de Medio Ambiente”, sinalan dende a organización agraria. Por elo, UUAA considera “fundamental proceder de xeito serio e rigoroso, e poñer en marcha o Fondo de Corresponsabilidade (para pago de danos e de medidas preventivas) que ven definido na Lei13/2013 de caza de Galicia, e que acumula xa tres anos de retraso para a súa posta en marcha, dende a entrada en vigor da Lei”.

“Hai que autorizar de xeito áxil medidas de control das mandas de xabarín nas épocas máis sensibles”

Ademais, consideran que é preciso seguir avanzando nos protocolos de control de danos do xabarín na agricultura, así como do lobo na gandería, e outras especies como os corzos, os corvos, “e agora tamén o oso, que empeza a introducirse na montaña lucense”. Para elo, Unións defende unha maior implicación da Xunta na coordinación de agricultores e gandeiros, cos TECOR e Sociedades de Caza encargados por Lei da xestión cinexética do territorio galego, “de forma que se autoricen de xeito áxil medidas de control das mandas de xabarín nas épocas sensibles para os cultivos, así como o cumprimento dos cupos de caza durante a temporada hábil, que garanten o control das poboacións de xabaríns”. Deste xeito, UUAA considera que os danos terían un volume máis reducido e un menor impacto na economía agraria galega, “e faría a súa vez menos oneroso o seu pago aos afectados mediante un Fondo económico estable e legalmente articulado”.

En canto á xestión do lobo, Unións Agrarias asegura que “é indispensable a revisión das contías e axilización de pagos das axudas por ataque do lobo, que dende o ano 2009 son as únicas que na práctica paga a Xunta de Galicia por danos de fauna salvaxe, se ben con ata dous anos de retraso aos gandeiros afectados, a pesares de que os expedientes de pago apenas superan os 300.000 euros anuais”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información