Unións reclama á Xunta que axilice as axudas por vendima en verde para paliar a crise do viño tinto na DO. Ribeira Sacra

Publicidade

colleita cosecha en verdeO responsable do sector vitícola de Unións Agrarias, Carlos Basalo, urxiu hoxe á Consellería do Medio Rural a que axilice as axudas por colleita en verde na Denominación de Orixe Ribeira Sacra, para axudar así a reducir o stock de viño tinto nesta DO.

Basalo, que ofreceu unha rolda de prensa en Santiago de Compostela, para analizar a situación do sector vitícola galego e os retos aos que se enfronta, lembrou que “en Galicia unhas 10.000 familias viven deste sector, que ocupa algo maís de 8000 hectáreas e xera arredor de 330 millóns de euros anuais, sendo un dos que fixan poboación e empresas no medio rural”.

Sen embargo, advertiu de que “mentres que os nosos brancos son moi apreciados no mercado e teñen moi boa saída dentro do contexto xeral de caida de consumo, non pasa o mesmo cos nosos tintos, especialmente na Ribeira Sacra, onde o 80% do viño que se produce é tinto”.

Neste sentido, cualificou de “insuficientes as medidas de apoio ao sector” postas en marcha ata agora pola Consellería do Medio Rural: “O ano pasado máis de 300 viticultores non tiveron a quen vendelle a uva; a medida de destilación de crise foi un erro tal e como se plantexou por parte da Xunta xa que os prezos non eran atractivos e as adegas non se acolleran a ela, co cal este ano temos unha acumulación de viño nas adegas aínda maior, o que fai prever un panorama moi complicado para a próxima vendima”.

Unha solución parcial podería ser a vendima en verde, unha medida apoiada polo Ministerio de Agricultura con 19 millóns de euros a repartir entre as Comunidades Autónomas e que consiste en retirar a uva en verde na viña para reducir o stock nas adegas e estabilizar o mercado.

“Pedimos que as adegas sexan transparentes e lles digan aos viticultores se lles van recoller a uva ou non para que podan acollerse á axuda da poda en verde”

“Sabemos que a Xunta solicitou este ano acollerse á vendima en verde, pero debería axilizar os trámites porque en Galicia é a primeira vez que se vai aplicar esta medida e debería haber unha labor informativa e formativa para que funcione. Ao mesmo tempo, pedimos que as adegas sexan transparentes e lles digan aos viticultores se lles van recoller a uva ou non para que podan acollerse á axuda da poda en verde”, explicou o representante de Unións Agrarias.

Os prazos, segundo explicou Carlos Basalo, son os seguintes: “Nas próximas semanas a Xunta debería publicar unha orde de axudas por vendima en verde atractiva, e explicala ao sector. Antes do 30 de abril teñen que estar feitas as solicitudes, polo que corre presa que Xunta publique a orde de axudas. E antes do 30 de xullo teñen que cortarse os acios de uvas para que antes de finais outubro cobrar axudas”. Engadiu que “págase o 50% do valor da que ía ter a uva, que en Galicia para as tintas anda entre 1,30 e 1,50 euros. Pódese facer corta mecánica ou manual, pero en Galicia hai que facela manual, o que supón entre 1500 e 2000 euros por hectárea”.

Ademais, o responsable en Unións do sector do viño instou a Medio Rural a “convocar a mesa sectorial e poñer medidas e fondos propios enriba da mesa para apoiar labores de promoción, de restruturación de viñedo para cambio varietal e de aposta por novos produtos”.

Por último, Carlos Basalo fixo un repaso doutros retos aos que se enfronta o sector en Galicia como os aranceis de Trump á exportación de viños a Estados Unidos, as restriccións legais crecentes ao consumo de alcohol en Europa ou a enfermidade da Flavescencia Dourada, que en Galicia está xa presente nas DO´s Ribeiro e Rías Baixas, e para cuxo combate botou en falta “un plan de formación e información aos viticultores”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información