Unións reclama medidas efectivas para evitar prezos á baixa e irregularidades na vendima polo coronavirus

Pide a Medio Rural accións concretas para atallar prácticas abusivas que buscan amparse na crise do coronavirus. Esixe a convocatoria da Mesa do Viño. Tamén solicita axudas directas para os viñedos afectados polos lumes de Monterrei

Publicidade
Unións reclama medidas efectivas para evitar prezos á baixa e irregularidades na vendima polo coronavirus

Viñedos afectados polo lume. // Foto de arquivo.

Ás portas da vendima, Unións Agrarias reclámalle á Consellería de Medio Rural actuacións concretas no sector vitivinícola galego para garantir que a crise do coronavirus non se utiliza como pretexto para empeorar as condicións de recollida de uva e os prezos.

O responsable de Agricultura de Unións, José Ramón González, reclamou esta mañá nunha comparecencia, que se poñan en marcha medidas que ofrezan garantías ós produtores. González recordou que o sector galego non chegou a recibir axudas, pese ó parón da restauración dos últimos meses e que agora é primordial garantir a recollida da uva e os prezos desta.

A entidade agraria estima que o sector conta nestes momentos cun stock de viño asumible, polo que non tería que verse afectada a vendima. “Aínda que quedan adegas con case todo o viño sen vender, o sector pode ter arredor dun 20% de remanente, polo que non hai un problema estrutural grave que impida a próxima vendima”, explica González.

Ante as axudas anunciadas por Medio Rural e Facenda para a adquisición de uva, Unións pide condicionar a súa concesión á recollida integral da colleita e uns prezos mínimos que non sexan inferiores ós da campaña pasada. González tamén sinalou que as previsións apuntan a unha produción reducida, dado o estrés hídrico que están a sufrir xa moitos viñedos, así como que se adiante o comezo da vendima a comezos de setembro, polo que urxe a Medio Rural a especificar as liñas de axudas para a compra de uva e as condicións.

Convocar a Mesa do Viño de Galicia

Unións reclama, ademais, a convocatoria da Mesa do Viño de Galicia, que dea paso á convocatoria das diferentes mesas do viño das Denominacións de Orixe para abordar as problemáticas que afectan ós distintos territorios. Unións reivindica a importancia de que nestas mesas estean tanto representantes das industrias como dos produtores, no canto de recaer nos Consellos Reguladores.

Sinalan a importancia de contar con contratos por escrito e rexistrados antes do comezo da vendima, así como a garantía de recoller o 100% da uva e que alomenos se cubran os prezos de custos. González sinalou que mentres que no Ribeiro se agarda recoller toda a uva, en Valdeorras algunhas adegas foráneas xa anunciaron que non recollerían toda a produción e agora pretenden adquirila a prezos máis baixos. “Non imos permitir estas prácticas especulativas coa uva e si se levan a cabo non dubidaremos en tomar accións contra estas adegas e sinalalas publicamente”, anunciou González.

Axudas polos lumes de Monterrei

A entidade agraria tamén reclama a activación de liñas de axudas directas para paliar os danos nos viñedos provocados polos recentes incendios que arrasaron máis de 1.000 hectáreas na provincia. As primeiras estimacións realizadas pola entidade agraria apuntan a que unhas 15 hectáreas de viñedo quedaron afectadas. “Aínda que non chegaran a queimarse as cepas, a produción quedou totalmente danada”, apunta González.

Ademais dos danos no viñedo, Unións incide en que arredor dunhas 150 hectáreas plantadas de castiñeiro se viron afectadas polos lumes. Explican que en moitos deles a produción verase condicionada nos próximos anos, polo que tamén deberan contemplarse axudas ós produtores.

Á marxe da liña de axudas, Unións reclámalle á Consellería de Medio Rural un cambio na estratexia da loita contra incendios. Apunta á necesidade de seguir incidindo na localización dos pirómanos, así como na importancia de contar con equipos de extincións, pero insiste na importancia de adicar á xestión e manexo do monte parte dos 80 millóns que se destinan á loita contra incendios, para conseguir reducir as taxas de abandono e a incidencia dos lumes.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información