Unións propón accións na distribución para forzar a mellora de prezos do leite

A organización agraria trasladaralle a súa proposta este luns ó conxunto da Plataforma en Defensa do Sector Lácteo

Unións propón accións na distribución para forzar a mellora de prezos do leite

O sector valora retomar as protestas ante as cadeas de distribución.

O sector agrario quenta motores nas últimas semanas para novas protestas polos baixos prezos do leite. Unións Agrarias propón accións ante as cadeas de supermercados para forzar unha mellora no prezo cobrado polos gandeiros. “A suba do leite só a notou o consumidor, así que alguén está facendo caixa e non son os gandeiros”, critica Óscar Pose, de Unións Agrarias.

A organización apunta a industria e á distribución como “incumplidores” do acordo lácteo asinado en Madrid en setembro. Pose entende que a situación das explotacións lácteas de Galicia segue “igual” que entón, polo que este luns, na reunión que terá a Plataforma en Defensa do Sector Lácteo, na que participan diversos colectivos do agro, Unións trasladará a súa proposta de novas mobilizacións.

En rolda de prensa celebrada onte, Pose indicou que a frustración é grande no agro, pero pronosticou que o descontento se transformará en “raiba” en canto os gandeiros vexan as liquidacións do leite de outubro, que se percibe estes días.

Axudas por vaca
Tanto Unións como outras organizacións do agro, caso do Sindicato Labrego ou da Fruga, critican os novos trámites que vén de solicitar o Ministerio para abonar as axudas de minimis por vaca. O sector entende que este novo requerimento é froito da improvisación ministerial e advirte de que poden quedar produtores sen cobrar se non son informados en tempo e forma polo Ministerio da necesidade de encher un novo formulario.

Comisión de seguemento
Doutro lado, onte tivo lugar en Madrid unha reunión do grupo de traballo de seguemento do acordo lácteo, no que o Ministerio de Agricultura amosou a súa satisfacción pola marcha do acordo. En nota de prensa, Agricultura sinala que se revisou punto por punto do acordo, “que está funcionando ben”, se ben o Ministerio suliña tamén que pediu de industrias e distribución maiores avances para facer fronte á complicada situación que está a atravesar o sector produtor.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información