Unións Agrarias advirte de que os criterios de concesión das axudas de plans de mellora deixarán fóra a algunhas das mellores granxas galegas. A organización sinala que as ganderías que carezan da incorporación recente dunha persoa moza teñen escasas posibilidades de lograr apoios, “tal e como xa sucedeu no 2016 e 2017”.
Desde Unións xa pediran con antelación que as axudas de plans de mellora do 2018 incluísen criterios que permitisen o acceso ás mesmas de explotacións modernas e competitivas que precisan afrontar novos investimentos. A organización apunta agora que non se fixo así e cuestiona tamén o escaso prazo que se concede -1 mes- para presentar as solicitudes.
Tamén lembra Unións que hai problemas á hora de conseguir as licenzas municipais de obras en tempo, unha cuestión que se repite tódolos anos e que continúa sen solucionar.
Outro asunto que lle preocupa á organización agraria é a rebaixa da cuantía máxima subvencionable, que pasou do 60% ó 50%.
Máis información
– Convocadas as axudas de plans de mellora, incorporación de persoas mozas e pequenas explotacións.