Unións presenta un contencioso contra as axudas ‘de minimis’ ás explotacións lácteas

A organización agraria advirte de que o decreto que regula as subvencións vulnera a normativa europea. Considera ademais que favorece a explotacións de fóra de Galicia

Unións presenta un contencioso contra as axudas ‘de minimis’ ás explotacións lácteas

O sector está á expectativa de ver as melloras que xera o acordo asinado en Madrid.

As axudas ‘de minimis’ postas en marcha polo Goberno para compensar ás explotacións con menores prezos do leite non convencen ó sector en Galicia. As organizacións agrarias consideran que hai un agravio comparativo na distribución das axudas, xa que, din, os produtores de comunidades como Andalucía saen máis beneficiados que os galegos. A maiores, Unións Agrarias advirte de que o decreto que regula as subvencións vulnera a normativa europea, polo que vai presentar esta semana un recurso contencioso administrativo ante a Audiencia Nacional.

O contencioso baséase, entre outras cuestións, en que o reglamento europeo de axudas ‘de minimis’ establece que o importe das mesmas non se poderá determinar en base ó prezo dos produtos vendidos.

Máis alá da argumentación legal do recurso, o malestar vén dado pola regulación das axudas en base ós modelos de custos de produción da Rede Nacional de Granxas Típicas (Rengrati). Eses modelos equiparan as explotacións galegas que cobran 24,5 céntimos por litro coas andaluzas que cobran 31,5 céntimos, de xeito que ambas teñen dereito a percibir os 300 euros de axuda por vaca, ata un máximo de 10.000 euros.

“Estamos ante un agravio comparativo”, resume o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García. “Con esta orientación das axudas benefíciase a un modelo intensivo que xa está a cobrar un prezo alto polo leite e favorécese a deslocalización da produción de Galicia cara outras comunidades”, critica.

Coa presentación do contencioso, máis que unha decisión xudicial, a organización agraria busca forzar unha negociación política para cambiar os criterios de reparto. “A nosa proposta é que se regule un reparto conxunto tanto da axuda ‘de minimis’ de 20 millóns de euros decidida polo Goberno como dos 25 millóns de euros que virán da Unión Europea”, explicou hoxe García en rolda de prensa.

Contrato tipo
A Interprofesional Láctea (Inlac), na que participan gandeiros e industria, ten prevista unha reunión este venres para comezar a traballar nalgúns dos puntos comprometidos no acordo lácteo asinado o 23 de setembro en Madrid. Unha das cuestións que está sobre a mesa é a fixación dun contrato tipo entre industrias e gandeiros. “Queremos que se defina un leite tipo para o contrato e que ese leite tipo se aplique de forma homoxénea nas distintas industrias, con penalizacións e primas equivalentes”, indicou García.

“Imos propoñer que se defina un leite tipo, aplicado por todas as industrias, con penalizacións e primas equivalentes”

O secretario xeral de Unións tamén é partidario dunha mediación dos contratos de carácter público, vinculante e gratuita. “Agora a arbitraxe nin é vinculante para as partes nin gratuita”, comparou o responsable sindical.

Primeiros compradores
Outra cuestión que preocupa no sector é a situación dos gandeiros que traballan con primeiros compradores (intermediarios), alomenos uns 3.000 en Galicia. “Eses primeiros compradores non están entre os firmantes do acordo de Madrid e son os que están pagando os prezos máis baixos polo leite”, advirte García. “Débese regular a figura dos primeiros compradores, de forma que se lles pida un volume mínimo para operar e que se establezan garantías fronte a impagos”, demandou.

“Hai 3.000 gandeiros en Galicia que lle venden a primeiros compradores que non asinaron o acordo. Son necesarias garantías” (Roberto García)

Unións Agrarias é partidaria de que as industrias lácteas sexan responsables de forma subsidiaria de posibles impagos ós gandeiros por parte dos primeiros compradores cos que operan.

A organización tamén propón unha suspensión temporal, ó longo de outubro, do paquete lácteo, de xeito que industrias e gandeiros non estean obrigadas a asinar novos contratos xusto no intre no que se están reconfigurando as relacións entre toda a cadea de valor do leite. “O máis lóxico é esperar a que a distribución comece a aplicar subas nos pagos ás industrias para logo refacer os contratos entre industrias e gandeiros en función desas subas”, valorou García.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información