Unións pide á Xunta que non reteña o pago da PAC aos produtores

O sindicato lembra que “case 8 millóns de euros de axudas ao sector lácteo teñen que ser pagados neste mes”

Unións pide á Xunta que non reteña o pago da PAC aos produtores

O sindicato Unións Agrarias pide a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez que faga entrega en prazo dos fondos pendentes das axudas da PAC aos produtores,” para tratar de paliar na medida do posible, a falta de recursos que atravesan pola cadea de catástrofes climáticas, especialmente a seca, e a caída de prezos en orixe”.

Os fondos da Unión Europea para o agro galego en 2018 ascenden a mais de 210 millóns euros, entre axudas directas, fondos para desenvolvemento rural e axudas excepcionais para os produtores de leite. O pasado mes de agosto a Comisión Europea aprobou adiantar a partir de outubro o 70% das axudas da PAC, como consecuencia da grave seca que afecta a España e doutras condicións climáticas adversas.

En canto ás axudas excepcionais para os produtores de leite, que ascenden a case 8 millóns de euros, deben ser  libradas antes do 30 de setembro polo que desde Unións pídeselle “eficiencia a Medio Rural para que as explotacións poidan ter unha mínima liquidez para afrontar os gastos extra derivados da caída da produción de forraxe pola seca”.

No capítulo de axudas directas, as explotacións galegas poderán acceder a preto de 170 millóns de euros que poden ser abonados nunha porcentaxe dun 70%, a partir do 16 de outubro. A este respecto, o sindicato advirte de que “o goberno da Xunta retrasou o pasado ano o seu aboamento ata o 25 de novembro co obxectivo de maquillar os seus orzamentos”.

“Pódense adiantar axudas ao desenvolvemento rural para paliar a situación dos produtores de castaña ou viticultores afectados polas xeadas”

Nos fondos destinados ao desenvolvemento rural, Unións lembra que tamén hai partidas das que se pode dispoñer nunha porcentaxe do 85%, a partir de mediados de outubro: 20 millóns de euros para as zonas con limitacións naturais e 14 para axudas agroambientais.

“A libranza destes fondos deber ser áxil para que moitas familias do rural saian adiante a pesar de que teñen perdido en moitas ocasións a totalidade da colleita en sectores como a viticultura ou a castaña ou viron moi reducida a produción de pastos ou forraxes no gando de carne pola seca e as xeadas”, lembran dende o sindicato.

Finalmente desde Unións Agrarias critican o que consideran “total falta de atención para escoitar e dialogar por parte da Consellería cos representantes dos produtores, pois nin se convocou a Mesa do Leite nin o Comité de expertos do Plan Lácteo- igual que ocorre en sectores como o a viticultura, castaña, etc – nunha especie de negación continua dunha realidade que ten a economía do rural ao borde do desastre”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información