Unións Agrarias pide que a Xunta despexe as dúbidas que hai sobre a posibilidade de que os cazadores continúen coa súa actividade durante as restriccións derivadas do estado de alarma. A organización sinala que o peche das cidades estes días impediu que moitos cazadores se incorporasen as súas cuadrillas, o que consideran que reducirá o control das poboacións do xabarín.
“Estas poboacións de xabarín pódense chegar a dobrar nunha temporada en ausencia de presión cinexética” -valora a organización agraria-. “Os Tecor de Galicia teñen cupos de animais que é preciso cazar anualmente para estabilizar as poboacións, evitando o aumento dos danos”, subliña Unións. O responsable de Desenvolvemento Rural da organización, Jacobo Feijoo, cifra en 12 millóns de euros os danos anuais do xabarín sobre os cultivos, “a parte dunha media diaria de 10 sinistros de tráfico e danos sobre os ecosistemas, afectando a súa biodiversidade”.
A organización agraria di ter recibido queixas pola suspensión de esperas ó xabarín por danos, en base a que o toque de queda impide circular despois das 11 h. da noite. Tamén apunta que haberá cuadrillas que teñan dificultades para acadar o número mínimo de participantes.
Peste porcina
Outro foco de atención sitúao Unións na peste porcina. “Segue latente a posible chegada a España da peste porcina africana, unha enfermidade que non afecta ás persoas, pero que podería destruir o sector porcino galego, para o que é preciso controlar axeitadamente as densidades do xabaril, que son o seu principal vector de transmisión”.