Unións pide que as axudas da Xunta para o sector do viño primen aos viticultores e pequenas adegas

Publicidade
Unións pide que as axudas da Xunta para o sector do viño primen aos viticultores e pequenas adegas

A liña de axudas ás adegas que ven de presentar a Consellería do Medio Rural para a restructuración e mellora das explotacións vitivinícolas de Galicia resulta “positiva” para o sindicato Unións Agrarias.

En concreto, recoñece que “incrementa a partida orzamentaria co que se garante unha maior cobertura para o sector”, pero bota en falta que “carece do desenvolvemento necesario para garantir unha modulación que prime a viticultura social de pequenas explotacións, que son maioritarias en todas as denominacións de orixe de Galicia”.

A organización agraria lembra que en zonas produtivas como O Ribeiro o 95% da produción recae en viticultores con menos de 2 Ha. Por tanto, advirten de que “de ser implementada a normativa, verá como a maior parte dos fondos irán a novas plantacións de grandes adegas, o que a medio prazo vai a supoñer un cambio do modelo produtivo, deixando a moitas comarcas do interior de Galicia sen o único activo económico que as mantiña vivas”.

Estudo sobre os custos de produción

Por outra parte, UUAA consdiera “indispensable” que a Consellería do Medio Rural “faga público dunha vez o estudo de custes, que afirma ter realizado, para poder coñecer con certeza a falta de viabilidade económica na que se atopan os produtores en todas as DO de Galicia”. “Sen concretar estes baremos -lembran- é imposible poder negociar o prezo para uva que permita manter activa a produción vitícola galega”.

A este respecto, a organización agraria insiste en reclamar da Xunta de Galicia que “vincule calquera liña de liquidez ás adegas á que garanta a recollida da uva a prezos que cubran os custes de produción dos viticultores e que se obrigue a depositar os contratos de abastecemento nun rexistro público para certificar que este cumpre coa lexislación vixente”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información