Unións pide contratos para a uva, con prezos xustos, antes da vendima

O sindicato agrario reclama que haxa contratos rexistrados e con prezo pechado para todos os viticultores antes da vendima. Piden que se realice un estudo de custos de produción nas DO galegas e que as axudas públicas que se dan as adegas estean condicionadas ao cumprimento da lei e dos contratos.

Publicidade
Publicidade
Unións pide contratos para a uva, con prezos xustos, antes da vendima

Unións Agrarias está decidida a denunciar ante a Axencia de Información e Control Alimentarios (AICA) as adegas que deixen de recoller a uva que teñan comprometida ou que pretendan pagala por baixo dos custos de produción. Queren así evitar baixadas inxustificadas dos prezos en orixe e que queden viñedos sen vendimar, como sucedeu o ano pasado na Ribeira Sacra.

O responsable de agricultura de UUAA, Carlos Basalo, lembrou que xa teñen realizado mobilizacións ante a distribución por utilizar o viño como produto reclamo e que non van dubidar en facer o mesmo se detectan comportamentos de abuso hacia os viticultores por parte das industrias.

A organización agraria reclama que se aproveite o mes longo que falta para a vendima para asinar contratos entre adegas e viticultores e que os documentos estean rexistrados e cun prezo fixado. Lembran que eso é o que establece a Lei da Cadea Alimentaria.

Na mesma liña, o sindicato reclama que as axudas e subvencións que se concedan as adegas estean condicionadas a que cumpran os compromisos cos viticultores que lles esixe a lei. Basalo afirmou que nos últimos anos o 50% dos 14 millóns de euros en axudas a reestruturación de viñedos quedaron en mans de só 50 das 400 adegas que hai en Galicia. E algunhas delas estarían agora -din- tentando baixar prezos da uva ou abandonar a recollida.

Dende UUAA recoñecen o dereito e mesmo a necesidade de que as adegas reciban axudas pola importancia que teñen no tecido económico de moitas comarcas galegas, pero din que esas axudas deben ir ligadas a compromisos cos produtores. Lembran, por exemplo, que nos últimos anos se concederon 24 millóns de euros en subvencións para a mellora e modernización de adegas.

Tamén advirten de que estarán moi atentos por se algunha industria ten a intención de utilizar as ameazas de imposición de aranceis por parte dos Estados Unidos como xustificación para acometer unha baixada unilateral no prezo da uva.

Estudo de custos

Os responsables de UUAA sinalan que a día de hoxe non hai ningún estudo oficial que recolla os custos de produción que ten a colleita de uva en cada unha das cinco Denominacións de Orixe DO) galegas. Por eso, reclaman que a Consellería do Medio Rural poña os medios necesarios para que se poida calcular canto custa producir un quilo de uva en cada territorio.

A orografía dispara os custos de produción na Ribeira Sacra

A orografía dispara os custos de produción na Ribeira Sacra

O sindicato sinala que en Castela-León o goberno autonómico analiza todos os anos os custos de produción que hai nas 16 DO que hai na comunidade e reclama unha acción similar en Galicia. Un estudo ministerial de 2022 xa indicaba que os custos galegos eran dos máis elevados de todo o estado.

Empregando datos propios, explicaron que no Ribeiro se están a ofrecer contratos de 0,30 € o quilo de uva palomino cando producilo conleva un gasto de entre 0,55 e 0,60 €. Tamén estiman que, a día de hoxe, hai zonas da Ribeira Sacra onde o custo non baixa de 1,70 e os prezos que se ofertan non darían nin para cubrir os custos que implica só a vendima.

Un sector clave

UUAA lembra que en moitas comarcas galegas, especialmente das provincias de Ourense e Pontevedra, a viticultura é a única actividade agraria relevante e que pode fixar poboación e manter vivo o territorio. Por eso, afirman, actuarán con contundencia para defender os viticultores e o cumprimento da lei.

O pasado ano recolléronse en Galicia 74 millóns de quilos de uva que supuxeron preto de 47 millóns de litros de viño, cun valor económico para o sector de 400 millóns de euros. As previsións para este ano son de recoller unha cantidade semellante.

En territorio galego hai por riba de 10.000 viticultores que traballan arredor de 9.000 hectáreas, das cales o 90% están destinadas a viños brancos e o 10% restante a tintos. Nas DO hai rexistradas 400 adegas e o sector xera, entre directos e indirectos, uns 25.000 empregos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información