Unións Agrarias fai un chamamento ós Tecores e a Medio Ambiente para coordinar as accións de caza do xabarín nas próximas semanas. A organización agraria lembra que dende este pasado sábado, 17 de agosto, está oficialmente aberta a tempada ordinaria de caza do xabaril en Galicia, que se estendera ata o 23 de febreiro de 2025.
Neste sentido Unións quere lembrar aos TECOR e Sociedades de Caza, a necesidade de coordinarse en cada zona cos gandeiros, mantendo unha vixilancia activa sobre as mandas do xabaril, a fin de evitar a súa presenza e encamado preto das parcelas de millo, que será especialmente vulnerable nas próximas semanas, a medida que aumente o ritmo do espigado e contido en amidón, e sexa un alimento cada vez máis atractivo para as mandas de xabaril.
A organización agraria sinala que se trata de manter un control activo que permita ir por diante da ocorrencia de graves destrozos nos cultivos, como ten sucedido outros anos, polo que deben de comezar xa as medidas de prevención en cada parroquia forraxeira de Galicia. É preciso organizar as primeiras batidas con carácter preventivo que alonxen as mandas dos cultivos cara o monte, e facer accións puntuais de caza mediante esperas onde as batidas non sexan posibles.
Unións subliña ademais que resulta fundamental a estes efectos a implicación da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, a fin de trasladar aos TECOR as zonas onde vaian chegando os avisos dos afectados, pactando actuacións de carácter preventivo e paliativo, e facilitando os permisos e autorizacións pertinentes con rapidez e eficacia.
Neste sentido Unións lembra aos afectados a importancia de denunciar os ataques aos cultivos no teléfono 012 para que haxa constancia oficial.