Unións Agrarias insta á Xunta de Galicia a “atender coa máxima urxencia o compromiso do ex -presidente Feijóo e a habilitar sen demora o complemento autonómico ao plan estatal de axudas para facer fronte á suba de custos no sector produtor”.
A organización lembra a situación de “vulnerabilidade” na que se atopan as explotacións de carne de vacún, polo e coellos, “claramente discriminadas na liña de axuda estatal, unha achega económica que a Xunta de Galicia se tiña comprometido a complementar para igualala á percibida polos gandeiros de leite”.
Para Unións Agrarias resulta “inaceptable que catro meses despois de que o entón presidente Núñez Feijóo anunciase públicamente un complemento de 18 millóns de euros ao plan estatal de axuda para paliar a suba de custos de produción no sector produtor a Xunta siga sen cumprir co compromiso adquirido”.
Mentres que a achega estatal para o lácteo foi ingresada directamente polo executivo central ás contas dos gandeiros; a tramitación da partida comprometida para o cárnico deixouse en mans das Comunidades co único obxectivo de que estas puidesen complementala con fondos propios. “Algo que pese a todos os anuncios mediáticos a Xunta segue sen facer”, denuncia Unions.
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as axudas estatais
Así, a organización agraria critica que resolución publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia “non incorpora o listado de beneficiarios nen tampouco o complemento autonómico ás axudas estatais, algo inaceptable nun momento tan sensible para as explotacións, asfixiadas nun contexto de suba de custos de produción sen precedentes”.
Neste sentido, a organización agrogandeira reclama que as achegas aos produtores de carne de vacún se equiparen ás que percibirán os de leite. E insta ademáis á Xunta a “pór o foco nos produtores de polo e coello, moi afectados pola suba de custos e claramente discriminados na liña estatal de axudas”. Para lograr este obxectivo, Unións cifra en 35 millóns de euros a achega autonómica necesaria.