Unións Agrarias insta aos tecores e sociedades de caza a realizar axexos para o control do xabaril, ao constatar os primeiros danos da fauna salvaxe naquelas localidades onde a seca está a adiantar a formación da espiga do millo. “A preocupación dos produtores vai en aumento a medida que avanza a tempada porque está a vir cunhas importantes reducións da calidade da forraxe de ata o 30% na produción, debido á seca que está a sufrir o agro galego”, apuntan dende a entidade agraria.
A esta importante caída da produción, que pode incrementarse de se prolongar a seca nas próximas semana, súmase a acción das mandas de xabarís en distintas zonas produtoras, segundo indican dende Unións. Os animais comezan a entrar nas parcelas de cultivo en canto empeza a agromar a espiga do millo, o que provoca cuantiosos danos que se suman aos da seca.
Dende Unións piden aos agricultores e gandeiros afectados, que esixan accións de control do xabaril mediante axexos, aos correspondentes tecores e Sociedades de Caza, para atallar os danos da fauna salvaxe. Recordan, que segundo o marco normativo vixente, establecido na Lei 13/2013 de Caza de Galicia, os tecores e Sociedades de Caza son os responsables do control dos danos, e de indemnizar aos agricultores e gandeiros cando estes se producen.
A entidade agraria lembra que a Consellería de Medio Ambiente na súa última Orde de vedas do mes de maio, autorizou a modalidade de caza por axexo, o que permitiría un control máis eficaz que as esperas e sen a complexidade das batidas e os atrancos que supoñen para os cans de caza o traballo en condicións de calor e altas temperaturas propias do verán.
“Esta modalidade da caza do xabaril ao axexo, ata o de agora non autorizada en Galicia para o control de danos, sería moi eficaz e estaría especialmente indicada nas zonas de cultivo onde están a adiantarse as incursións das mandas segundo avanza a madurez do millo”, concretan. Unións demanda tamén á Consellería que dirixe Ánxeles Vázquez que divulgue a posibilidade desta nova modalidade de control de danos entre os cazadores, e que as autorice cando lle sexan solicitadas.
Notificar os danos
Unións lembra a importancia de dar parte dos danos ao 012, coa finalidade de que exista constancia oficial dos mesmos, e se poidan autorizar pola Administración medidas excepcionais de control dos danos, para o cal estes teñen que constar oficialmente.
Asemade, a entidade incide que sempre existe a posibilidade de reclamar os danos nos cultivos por vía xudicial ás Sociedades de Caza que actúen de xeito neglixente no exercicio das súas responsabilidades na xestión das poboacións de xabarís e dos danos que producen.