Unións inicia en Lugo unha campaña de boicot a Lactalis que ameaza con estender ao resto de España

Os gandeiros piden o apoio dos consumidores para que non compren produtos da multinacional francesa. Acusan a Lactalis de reter dous millóns de euros aos gandeiros galegos e de impor un prezo á baixa nos novos contratos

Unións inicia en Lugo unha campaña de boicot a Lactalis que ameaza con estender ao resto de España

Protesta dos gandeiros esta mañá en Lugo

Un grupo de gandeiros galegos, convocados polo sindicato Unións Agrarias, iniciou hoxe en Lugo unha campaña informativa para pedirlle aos consumidores que non merquen produtos de Lactalis e si outros de empresas españolas. O sindicato ameaza con estender este boicot ao resto de España se a multinacional francesa non atende as súas reivindicacións.

Pasadas as doce da mañá, un grupo duns trinta gandeiros e sindicalistas de UUAA concentráronse ante o Supermercado Gadis do Polígono do Ceao para informar aos consumidores e pedirlles que non merquen marcas da multinacional francesa (Puleva,Ram, El Ventero, Président ou Gran Capitán).

Segundo explicou Óscar Pose, responsable de Servizos de Unións, “o que pedimos con esta acción é que Lactalis nos devolva aos gandeiros os 2 céntimos que dende decembro lle repercute a maiores a distribución no leite de marca branca co compromiso de que o traslade aos produtores”. Este incremento, logrado tras as mobilizacións dos gandeiros o pasado inverno, fai que “Lactalis teña a día de hoxe nas súas contas 2 millóns de euros que se nega a pagarnos”, denuncia Óscar Pose.

“Co novo contrato Lactalis quere asegurarse un prezo baixo para os próximos meses”

O outro motivo desta mobilización son os novos contratos de Lactalis a 27 céntimos o litro para os próximos seis meses. Segundo o representante de Unións Agrarias “o prezo é moi baixo tendo en conta que o mercado dos produtos lácteos está repuntando e o que pretende Lactalis é asegurarse un prezo baixo do leite ata o mes de febreiro”. Ademais, os gandeiros reclaman que a multinacional francesa lle devolva aos gandeiros galegos os máis de 1 céntimos por libro que lles descontou aos produtores durante os últimos tres meses en base ao anterior contrato lácteo, retirado por Lactalis tras ser denunciado por UUAA ante a AICA, e que establecía unha indexación en base aos últimos prezos do Observatorio Galego do Sector Lácteo. “Calculamos que supuxo un desconto medio ao mes duns 500 euros por gandería en Galicia”, asegura Óscar Pose.

Unións anuncia que a campaña informativa contra Lactalis incrementarase nas próximas semanas, con actos similares ao de Lugo en Pontevedra ou A Coruña, ou a recollida de sinaturas a través de internet. “E o seguinte paso é pasar a unha campaña de denuncia informativa no resto de España”, advirten dende a organización agraria.

“Entrego a Leche Río pero estou aquí apoiando porque Lactalis é a referencia de prezos en Galicia”

Ángel López foi un dos gandeiros que esta mañá se desprazou ata o Polígono do Ceao para apoiar a campaña informativa contra Lactalis. Este gandeiro de Guntín, con 220 vacas en muxido, e sen importantes cargas de créditos, recoñece que a súa situación “non é das peores”. Véndelle a Leche Río a un prezo que, segundo el, “neste momento non cubre os custos de produción” . Afirma que participa na protesta porque “os gandeiros temos que estar unidos e apoiarnos, independentemente de que a quen lle vendamos”. Asegura tamén que “no caso de Lactalis, ao ser a principal industria láctea de Galicia, é a que fixa os prezos e arrastra ás demais industrias”.

Pídelle aos Gobernos galego e español que “defendan ao sector e non sigan permitindo que as multinacionais estranxeiras se sigan facendo co mercado español, mentres os gandeiros españois temos que pechar, a pesar de España ser un país deficitario en produción de leite”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información