Unións inicia contactos cos matadoiros para intentar o prezo da carne de vacún

Unións inicia contactos cos matadoiros para intentar o prezo da carne de vacún

Xornada celebrada hoxe en Pedrafita do Cebreiro

Unións Agrarias anuncia o “próximo inicio de negociacións cos matadoiros para impulsar contratos transparentes e un reparto máis equitativo e xusto do prezo da carne entre os distintos elos da cadea alimentaria”.

Así o transmitiu o secretario xeral da organización, Roberto García, na Xornada sobre “Xestión Ambiental de Explotacións de Vacún de Carne” celebrada este venres en Pedrafita do Cebreiro, e que congregou a arredor de 300 gandeiros da provincia de Lugo.

Unións denuncia que nos últimos 17 anos o prezo que os gandeiros galegos perciben pola carne que producen aumentou tan só un 12%. Pola contra, nese período o IPC experimentou un incremento do 33% e os custos de produción das explotacións subiron un 38%. “Un cóctel que pon en alto risco a viabilidade económica dunhas explotacións que non só producen carnes de primeira calidade baixo estritos parámetros de benestar animal; senón que tamén desempeñan un papel indispensable dende o punto de vista da xestión do territorio, a loita contra o abandono e os incendios forestais”, destacou Roberto García.

En relación á polémica aberta entre o goberno central e a Xunta de Galicia pola cancelación do pago das axudas para danos do lobo, Unións Agrarias anuncia que “porá desde xa os servizos xurídicos da organización a disposición de todos os gandeiros afectados para facilitarlles a reclamación da correspondente responsabilidade patrimonial ante a administración autonómica:; e garantirlles unha compensación acorde aos prezos actuais de mercado que teña en conta tamén o lucro cesante”.

A xornada “Xestión Medioambiental de Explotacións de Vacún de Carne” foi organizada pola Asociación de Desenvolvemento Rural ODEGA grazas ao apoio económico da Deputación de Lugo.

O alcalde de Pedrafita e tamén Deputado de Medio Ambiente, José Luis Raposo, inaugurou o encontro. O programa consistiu en dúas mesas redondas. Unha delas estivo centrada na situación do sector cárnico de vacún e as perspectivas de futuro, foi moderada por José Ramón González, responsable de Producións Extensivas e Ecolóxicas de Unións Agrarias, e participaron Francisco Sineiro, profesor da Universidade Politécnica e ex Conselleiro de Medio Rural, e Javier López, director de Provacuno.

A outra mesa redonda xirou en torno á reforma da PAC e as perspectivas de futuro, foi moderada por Javier Iglesias, responsable sectorial de PAC e PDR de Unións Agrarias, e interviu José Luis Agüero Monedero, subdirector xeral de Producións Gandeiras e Cinexéticas do Ministerio de Agricultura, e Javier Alejandre, técnico de UPA. A clausura correu a cargo do Deputado provincial de Recursos Sostibles, Roberto Fernández Rico, e do secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información