Unións, descontenta coas novas instrucións da Lei do Solo sobre granxas

A Xunta traslada ós Concellos a potestade de autorizar ou non ampliacións de explotacións en solo de núcleo rural, en tanto a organización agraria demanda unha solución global

Unións, descontenta coas novas instrucións da Lei do Solo sobre granxas

O sector demanda facilidades para ampliar granxas en núcleo e en solo rústico.

A Lei do Solo de Galicia (Lei 2/2016) deixou unha serie de incógnitas sobre a situación urbanística das granxas e sobre as súas posibilidades de ampliación. O sector entendía nun inicio que a Lei vetaba a ampliación de explotacións en solo de núcleo rural, se ben unha instrución publicada esta semana no Diario Oficial de Galicia (DOG) pola Consellería de Medio Ambiente abre a porta a que os Concellos cun planeamento urbanístico en vigor permitan esas ampliacións.

O sector considera insuficiente a medida. “Podémonos atopar con que hai Concellos, nos que a gandería teña peso, que si adaptan o seu planeamento para autorizar ampliacións de granxas en núcleo rural, en tanto outros que non teñan ese peso gandeiro non o farán” -advirte Óscar Pose, de Unións Agrarias-. “A solución ten que ser global, non se pode facer depender da boa vontade dun Concello”, demanda.

Plans de mellora
A organización agraria cuestiona ademais a incertidume na que se atopan as explotacións ubicadas en núcleo rural que solicitaron este ano unha axuda de plan de mellora para ampliar instalacións. “En setembro terían que ter as licencias municipais de obra, pero se os Concellos teñen antes que adaptar o planeamento para autorizar as ampliacións de granxas en núcleo, non chegarán a tempo”, pronostica Óscar Pose.

Unións pide unha solución global para as granxas ubicadas en núcleo rural e tamén demanda a posibilidade de maiores ampliacións en solo rústico. De acordo coa nova Lei do Solo, as explotacións ubicadas en solo rústico poderán ampliar un 50% as súas instalacións, en tanto que coa anterior normativa non existían eses límites.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información