En cuestións de semanas arredor de mil granxas lácteas poden quedar sen recollida de leite. Así o denuncia Unións Agrarias, “pois o que en principio semellaba un problema limitado á Montaña Lucense comeza a estenderse polo conxunto da Comunidade”. A organización agrogandeira condena “o que a todas luces semella un intento por forzar unha reconversión do sector vía ameazas que, se as administracións non toman cartas no asunto, rematará por deixar fóra de mercado e levar ao peche ás explotacións máis pequenas”.
Segundo UUAA, entorno a 1.000 explotacións poden verse afectadas polo que para a organización agraria “é, sen lugar a dúbidas, unha estratexia para forzar unha nova rebaixa no prezo do leite ás explotacións máis pequenas, empregando argumentos peregrinos sen base xurídica relacionados coas dificultades de acceso para os camións, o manexo ou o modelo de traballo as granxas, as industrias están anunciando ás granxas de menores dimensións a súa intención de cancelar a recollida do leite a partir do vindeiro 1 de agosto”.
“Non estamos dispostos a deixar que sexa a industria quen decida como debe ser o sector produtor galego”, aseveran dende a organización; que xa anuncia que, “se as industrias non desisten neste intento por expulsar do mercado ás granxas familiares máis pequenas iniciarán unha campaña de mobilizacións e sinalamento contundente”.
Unións Agrarias lembra “o papel esencial das pequenas explotacións, esenciais na batalla contra o abandono e o despoboamento e para a xestión do territorio”.
Nese senso, a organización apunta que “en Galicia nin é posible nin desexable ter só explotacións de gran tamaño”. E lembra que case o 50% das granxas de leite galegas, arredor de 2.500, son explotacións familiares que producen menos de 200.000 quilos. “Explotacións que están sendo maltratadas ano tras ano, e que a día de hoxe cobran 6 céntimos menos que as que producen máis de 700.000 quilos. Un diferencial que o ano pasado chegou ata 12 céntimos, e que non é posible seguir tolerando”.
Unións Agrarias lembra que “foron esas explotacións pequenas as que permitiron que as máis grandes cobraran un mellor prezo. Elas financiaron o incremento de prezos do leite, e agora por intereses das industrias parece que sobran”. Nese senso, a organización fai un chamamento a Xunta e Ministerio para que interveñan. “Non imos permitir que se pechen explotacións nin que se lles abarate aínda máis o prezo do leite, deixándoas fóra de mercado e levando ao límite a súa rendabilidade”.
Xuntanza con afectados en Becerreá
Unións Agrarias reuniuse este luns con algúns dos gandeiros e gandeiras afectados por esta problemática na Montaña Lucense. Os produtores, que de cumprirse as ameazas das industrias non terán quen lles recolla leite a partir do 1 de agosto, traladaron a súa fonda preocupación por unha situación sen precedentes que, de non solucionarse, ameaza con abocalos ao peche.