Unións demanda un control eficaz do lobo no Macizo Central de Ourense

Unións demanda un control eficaz do lobo no Macizo Central de Ourense

Danos por ataques de lobo sobre o gando.

Os repetidos ataques de lobo que sofren as explotacións do Macizo Central de Ourense levan a Unións Agrarias a demandar o control puntual das manadas a través de autorizacións de caza selectiva. A organización agraria considera que os concellos da comarca do Macizo Central, entre os que figuran Manzaneda, Viana do Bolo ou Pobra de Trives, acumulan os principais casos de danos polo lobo na provincia. Nunha carta dirixida á delegación provincial da Xunta en Ourense, Unións demanda a adopción de medidas para encarar o problema.

Xunto coa caza puntual, unha opción que figura no Plan de Xestión do Lobo en Galicia, a organización advirte da necesidade de mellorar o sistema de indemnizacións. “Na actualidade, o afectado ten que agardar ata 2 ou 3 anos para cobrar a indemnización; o lóxico é reducir ese prazo a tres meses”, solicitan. Dos 35 ataques indemnizados no que vai de ano en Ourense, 32 corresponden a expedientes do 2013, segundo critica a organización.

Os afectados por danos teñen que agardar máis de dous anos para cobrar as indemnizacións

“O mantemento da fauna salvaxe e a conservación do lobo ten que compatibilizarse co dereito das familias do rural para manter a súa forma de vida que redunda na conservación do territorio e no mantemento dos pastos” –sinala Unións en nota de prensa- “Lembremos que os pastos reducen o risco de incendios forestais e a posibilidade de ocurrencia dos grandes lumes que asolan a provincia de Ourense todos os anos”.

A organización pide que a Xunta aplique as medidas preventivas do Plan de Xestión do Lobo de Galicia e que axilice e aumente os fondos adicados a paliar os danos da fauna salvaxe.

O Xan
A conflictividade ocasionada polo lobo na comunidade vén de levar a varias asociacións de gandeiros, cazadores e técnicos a crear un grupo para promover a xestión dialogada do lobo en Galicia. Chámase O Xan, en referencia ó sobrenome que recibe o cánido nalgunhas zonas de Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información