Unións demanda o inicio das batidas do xabarín para protexer o millo

A organización pide a activación da caza nas principais áreas gandeiras da comunidade. Ilustra a dimensión do problema co exemplo da comarca do Deza, na que se autoriza a captura de 460 animais

Unións demanda o inicio das batidas do xabarín para protexer o millo

Danos causados polo xabarín no millo. / Arquivo.

A campaña do millo presenta este ano serias perdas pola seca estival, un problema que afecta á maioría das zonas gandeiras da comunidade. A esta situación, o sector quere evitar que se sumen novos factores, coma o xabarín, que xa na campaña da sementeira causou severas desfeitas nalgunhas comarcas, como foi o caso do Deza. Agora que a mazorca do millo, en formación, xa comeza a ser apetecible para o porco bravo, Unións Agrarias demanda un inicio rápido das batidas para protexer o cultivo.

A organización agraria ilustra o problema cun exemplo. Só na comarca do Deza está autorizada por Medio Ambiente a caza de 460 exemplares. “Podémonos facer unha idea do elevado número de mandas de xabarín que hai na comarca. Tal cantidade de animais representa unha seria presión para a actividade agraria pero tamén para o medioambiente, pois o descontrol do porco bravo pode levar ó desequilibrio do ecosistema” -valora o secretario de Desenvolvemento Rural de Unións Agrarias, Jacobo Feijoo.- “Non se pode esquecer que, se non houbese esforzo de caza, o xabarín é capaz de duplicar a súa poboación nun ano”.

“Se non houbese esforzo de caza, o xabarín é capaz de duplicar a poboación nun ano” (Jacobo Feijoo)

Unións considera que o control do xabarín interesa, por tanto, a gandeiros, cazadores e ós mesmos ecoloxistas. “Precísase un maior control do xabarín, ata deixalo nunhas poboacións que poida soportar a nosa realidade produtiva e o noso medioambiente. Esta responsabilidade correspóndelle á Administración, que ten que poñer os dereitos das persoas en primeiro lugar, pero tamén esixe dos cazadores unha maior implicación”, considera Jacobo Feijoo.

Posibles mobilizacións
Desde a organización agraria, avogan polo inicio inmediato das batidas ordinarias de caza, comezando polas zonas cultivadas e buscando un efecto de protección dos cultivos ata que o millo estea recollido. “Non imos tolerar máis neglixencias nin vista gorda dos Tecores e da Administración sen mobilizarnos de xeito contundente”, advirten desde Unións.

“Este é un problema serio, que se ten que tomar seriamente polos que teñen a capacidade e a responsabilidade legal de actuar para resolvelo.Hai que poñerse da parte da xente que sofre os problemas e non dos animais que os provocan”, conclúe Jacobo Feijoo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información