As granxas de vacún de carne continúan arrastrando os baixos prezos da pasada campaña, derivados da crise da Covid, que reduciu as vendas en hostelería e restauración. Á espera de que co fin do estado de alarma e a relaxación das medidas de prevención se poida producir unha recuperación do mercado, Unións Agrarias considera necesarias novos apoios para as ganderías profesionais de vacún de carne.
O responsable de Gandería Extensiva na organización agraria, José Ramón González, avoga por axudas de arredor de 2.000 euros por granxa para tódalas ganderías que superen as 20 vacas. “Estamos a falar de arredor de 6.000 granxas en Galicia que teñen unha actividade profesional e que se xogan os cartos coa súa actividade”, valora González.
Por provincias, em vacún de carne destaca Lugo, con 3.500 granxas de máis de 20 vacas. Séguelle A Coruña, cunhas 1.300; Ourense con algo máis de 600, e Pontevedra con 400.
Medidas sobre prezos
De cara a mellorar a situación de prezos no campo, Unións Agrarias é partidaria dunha maior transparencia na formación do prezo da carne. “É preciso que haxa un Observatorio de Prezos que aclare os custos das ganderías, de xeito que se poidan establecer contratos que garantan pagos por riba de custos de produción, como establece a Ley de la Cadena Alimentaria”, defende José Ramón González.
Outra cuestión pendente para Unións é a Mesa de Prezos de Ternera Gallega. “Os prezos de referencia que marca esta Mesa non son un reflexo da realidade. Precisamos unha Mesa de Prezos máis profesional, que marque cotizacións que sexan fiel reflexo das liquidacións que hai no campo” -propón González-. “Hai exemplos, como o de Mercolleida, que demostran que iso é posible. Precisariamos dunha ferramenta informática, a desenvolver, que recollese a situación real de pagos no campo, e unha arbitraxe na Mesa entre as distintas partes da cadea para marcar tendencias”, conclúe.