Unións anuncia que os supermercados galegos retirarán a marca Larsa e as de Lactalis este venres e sábado

A organización agraria subliña que logrou este compromiso das cadeas de distribución en apoio ás granxas. Demanda de ambas industrias lácteas un aumento dos prezos no campo, “logo de que as dúas se teñan beneficiado do encarecemento do leite nos supermercados”

Unións anuncia que os supermercados galegos retirarán a marca Larsa e as de Lactalis este venres e sábado

Cartel na mobilización gandeira ante Lactalis. / Arquivo.

O leite de Larsa e as marcas de leite de Lactalis, como Puleva e President, non se atoparán este venres e sábado na maioría de supermercados galegos, segundo anuncia Unións Agrarias. A organización asegura que vén de lograr un compromiso das principais cadeas de supermercados que operan en Galicia para retirar estas marcas dos lineais durante dous días, como xesto da distribución en apoio ás protestas das granxas.

As mobilizacións gandeiras ante as industrias enfocáronse días atrás tanto en Lactalis como en Larsa, ao ser as dúas industrias lácteas con maior volume de recollida en Galicia. Os produtores reclaman de ambas industrias que lideren unha revalorización do prezo do leite no campo, na liña de subas que xa iniciaran este verán outras empresas, como Naturleite, Pascual ou Celta.

A cuestión de fondo é que as granxas estanse a ver afectadas por un importante aumento dos custos de produción (pensos, enerxía, fertilizantes, etc.). É unha situación que está a poñer contra as cordas as súas contas, polo que o sector moveuse nos últimos meses para impulsar unha suba en cadea de todo o leite, desde o campo ata o supermercado.

Esa revalorización do leite xa se iniciou nos últimos meses, pero á inversa. Os primeiros en subir o leite, nomeadamente as marcas brancas, foron as cadeas de supermercados, que procederon a subas que rondan os 5 céntimos nas marcas de distribución, un aumento de prezo que estarían trasladando nos pagos ás industrias lácteas, segundo os datos que manexan as organizacións agrarias.

A maiores, industrias como Capsa, a compañía asturiana propietaria da marca Larsa, confirmou tamén que en outubro procedeu a un encarecemento dos lácteos de Larsa nos lineais, unha medida que tamén están replicando outras industrias coas súas primeiras marcas.

O problema é que todos eses aumentos de prezo nos supermercados polo de agora non chegaron ó campo. “Cando falamos cos supermercados e lles dicimos que as granxas non están vendo un céntimo deses aumentos de prezo, cóstalles crernos”, recoñecen desde Unións Agrarias.

En vista da situación, as cadeas de supermercados de Galicia aceptaron finalmente a proposta de Unións Agrarias de retirar durante dous días dos lineais as marcas de leite de Capsa (Larsa, Central Lechera Asturiana) e de Lactalis (Puleva, President, etc.), segundo sinala a organización en nota de prensa. Desde Campo Galego, consultamos tal compromiso con algunhas das principais cadeas de supermercados que operan en Galicia, sen que polo de agora ningunha o negase ou se desmarcase.

Xestións co Ministerio
Por parte das organizacións agrarias, espérase tamén que o Ministerio de Agricultura mova ficha á hora de controlar os contratos que teñen asinadas as principais industrias lácteas, pois o propio Ministerio recoñeceu que, cos datos dos que dispón, os actuais contratos do leite no campo situaríanse por baixo dos custos de produción, o que está prohibido por lei.

Dáse a circunstancia, ademais, de que se está a producir unha importante revalorización do leite no campo en toda Europa, impulsada pola suba de prezo dos produtos lácteos industriais.

Acción informativa do Sindicato Labrego este venres ante un supermercado de Lugo

En paralelo ás mobilizacións ante as industrias e ás conversas co Ministerio, as organizacións agrarias están a iniciar unha campaña de boicot contra as marcas que máis lles preocupan. En concreto, o Sindicato Labrego celebrará este venres un acto ante un Gadis en Lugo (rúa Quiroga Ballesteros), ás 11.30 horas, para pedirlle ós consumidores que non merquen as marcas de Lactalis – Puleva.

Inícianse accións nos supermercados contra Capsa e Lactalis, pero fracasa o boicot masivo anunciado

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información