A organización agraria Unións Agrarias valorou de maneira positiva a nova norma de calidade do mel aprobada polo Consello de Ministros o pasado 4 de febreiro. Esta norma, que se publicará no BOE este mes, modifica unha Directiva da Unión Europea e obriga a engadir na etiquetaxe a porcentaxe de cada país de orixe en meles mesturados.
A normativa garante que o mel comercializado conserve os seus ingredientes naturais e elimina o concepto de “mel filtrado”. O mel ao que se lle retirou unha parte importante do pole será considerado de uso industrial e non poderá venderse directamente ao consumidor.
A aplicación desta norma non entrará en vigor ata o 14 de xuño de 2026, debido ao prazo de adaptación establecido pola Directiva comunitaria. En Galicia, a produción de mel ronda os 2.700.000 quilos anuais, distribuída en 231.691 colmeas.
Porén, a Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia só ampara o 6,3% da produción total, cun volume comercializado de 168.517 quilos en 2023. Unións Agrarias considera “que urxe desde os organismos e administracións galegas unha maior labor de captación e promoción de produtores cara unha maior homoxenización da calidade”.
A organización subliña que o sector afronta diversos problemas, como a rendibilidade, a loita contra fraudes, as doenzas, o cambio climático e especies invasoras. Por iso, insiste na importancia de apoiar a apicultura profesional e reforzar o seu papel económico, social e ambiental na sociedade.