Unións Agrarias-UPA reclama o deseño e posta en marcha urxente dun plan que permita reducir as poboacións de xabaril e, con elas, o risco de propagación de peste porcina e os cuantiosos danos que esta especie ven provocando, tanto nas estradas como nas explotacións agrogandeiras. A organización considera evidente a insuficiencia do modelo actual, e insta á Xunta de Galicia a dar un paso á fronte para implementar e liderar unha estratexia efectiva que permita chegar a onde tecores e sociedades de caza non son quen de facelo.
A creación dun Plan preventivo de control do xabaril que permita actuar con anticipación ante o risco de PPA xa foi pactado o pasado mes de decembro, nunha xuntanza coa administración celebrada trala aparición do gromo desta doenza en Cataluña. Unha folla de ruta que, ante a inexistencia dunha vacina efectiva que permita atallar as posibilidades de contaxio ás explotacións de porcino, necesariamente debe pivotar arredor da caza e das capturas.
Así, Unións Agrarias insta á administración a non deixar pasar máis o tempo e a poñerse a traballar sen demora para que a posta en marcha dese plan preventivo, pactado con sector produtor e colectivos cinexéticos, sexa unha realidade canto antes.
Partindo dunha zonificación que cuantifique as poboacións existente se permita o establecemento dunha densidade máxima dos animais que poden existir para evitar riscos, a organización agrogandeira aposta pola posta en marcha de novos sistemas de captura e caza non cinexética que complementen o papel de tecores e sociedades de caza, alí onde a actividade destes colectivos non sexa suficiente.
Unións Agrarias insta á Xunta a actuar con anticipación para que así sexa posible, no caso da aparición dalgún caso de PPA na nosa Comunidade, rexionalizar o problema e evitar que o conxunto das explotacións galegas se vexan afectadas por igual.
Unións Agrarias considera inxusto deixar que tecores e sociedades de caza asuman en solitario a responsabilidade da xestión, así como o custo económicos dos danos provocados por esta especie. Algo que non teñen a capacidade de facer, pois cada ano redúcese o número de licenzas de caza e, a pesar da posta en marcha da emerxencia cinéxética por parte da administración autonómica, as cifras de capturas apenas aumentaron nun 1,2%. Uns datos que demostran que, se ben a caza social é imprescindible, esta ten unha limitación clara que a adminitración debe ter en conta, e complementar.
Unión Agraria reivindica a posta en marcha dun dispositivo profesional estable para a redución das poboacións de xabaril suficientemente dotado. «Partindo de informes técnicos que permitan establecer o número de xabarís existentes en cada zona e fixar uns cupos de capturas, alí onde a caza social non chegue é necesario apostar pola posta en marcha de medidas complementarias de caza e capturas non cinexéticas». Así o expón a organización agrogandeira, que avoga pola profesionalización e a implementación de novos sistemas de captura, como o emprego de xaulas de grandes dimensións que permiten a captura simultánea de grupos familiares enteiros. «Un cambio das reglas do xogo e un esforzo para a tecnificación e a profesionalización desta actividade» que non pode facerse agardar máis, en vista da magnitude do risco e dos danos que esta especia xa provoca, tanto nas estradas como nos cultivos.
O porcino supón o 40% da produción cárnica en España, con 25.000 millóns de euros de facturación, 30 millóns de cabezas e 415.000 empregos. No que respecta a Galicia falamos de 1,5 millóns de cabezas repartidas en 2.200 explotacións que xeran 760 millóns de euros de facturación e 5.000 empregos directos.
O xabaril foi a causa de 4.080 accidentes de tráfico en 2025. Máis de 10 sinistros diarios que provocaron 71 vítimas persoais e danos económicos cercanos aos 6 millóns de euros. Ademais, no último ano os avisos por danos na agricultura ascenderon a 4.600; unha cifra que antes da pandemia era de 3.022. Unhas incursións do porco bravo en terras de cultivo que provocan destrozos por valor de 15 millóns de euros ao ano, e dos que a Xunta indemniza apenas 4.
Galego










Control OJD