A identificación da orixe do leite é unha demanda extendida entre os consumidores, segundo Unións Agrarias-Upa, polo que a organización agraria considera que o Ministerio debe axilizar o decreto que regulará o etiquetado obrigatorio do leite e dos produtos lácteos. Unións entende que a identificación da orixe do leite constitúe tamén un elemento de defensa dos lácteos españois fronte ós importados ou fronte á entrada de leite importado para a elaboración de queixos e outros alimentos.
A organización agraria sinala que co etiquetado “gañariamos todos”, pois actualmente valora que hai unha información confusa. “Outros países como Francia ou Italia xa están traballando en iniciativas para identificar a orixe do leite”, destaca.
Unións, de todos os xeitos, considera que o borrador de decreto presentado polo Ministerio é pouco ambicioso, pois interpreta que deixa fóra produtos importantes como o leite en po ou aqueles alimentos nos que o leite é un ingrediente fundamental.
O caso de Lidl
Por último, a organización agraria felicita en nota de prensa a Lidl pola decisión adoptada de vender nas súas tendas só leite e produtos lácteos de orixe español. A multinacional alemá viña distinguíndose ata o de agora pola importación doutros países de bricks Uht, así como de todo tipo de produtos lácteos.