Unións Agrarias solicitou formalmente á Consellería de Medio Ambiente a posta en marcha inmediata de medidas de control sobre o lobo no concello de O Pino. A petición chega despois de que se publicase no DOG a resolución que permite novamente autorizar accións como esperas, batidas e monterías para facer fronte aos danos reiterados do cánido sobre a gandaría.
A resolución da Xunta vén motivada pola recente modificación da normativa estatal, que retira ao lobo das poboacións ao norte do Douro do Catálogo LESPRE. Esta exclusión permite recuperar a súa consideración como especie cinexética, é dicir, susceptible de ser cazada baixo un marco regulado e supervisado.
Desde Unións Agrarias subliñan que esta medida “garante que as intervencións non comprometerán a viabilidade da especie”, ao tempo que se alinea coas directrices da Comisión Europea. Estas buscan equilibrar a conservación do lobo coa xestión dos retos que a súa expansión supón para o rural e a gandaría.
A organización agraria leva tempo alertando dos ataques constantes ao gando na zona e da “inacción administrativa”. Lembran tamén que a inclusión do lobo no LESPRE dificultaba calquera intervención, mesmo aquelas previstas como excepcións.
“Unións Agrarias reclamou sen éxito que Medio Ambiente autorizase intervencións extraordinarias de caza previstas no LESPRE en zonas como O Pino ou a Mariña lucense”, recollen. Segundo denuncian, a Consellería negouse de forma sistemática, “preferindo aforrarse longos procedementos administrativos e optando polo politiqueo co Ministerio”.
Unións Agrarias apoia que o lobo sexa unha especie non cinexética en Galicia, “agás en casos excepcionais xustificados por danos reiterados ao gando”. Defenden que esta fórmula permite protexer a especie e, ao mesmo tempo, dar resposta ás explotacións afectadas, mesmo nas zonas onde, segundo sinalan, a presenza do lobo está a provocar a “práctica extinción do cabalo do país”.
A nova normativa permite retomar o modelo de xestión previo ao ano 2021. Así, autorízanse accións de control como esperas, batidas e monterías, agás nos meses de abril, maio e xuño, onde só estarán permitidas as esperas.
Por último, a organización reclama a revisión do actual Plan de xestión do lobo, que cualifica de “obsoleto”. Insta á Consellería a convocar unha mesa de traballo con organizacións agrarias e o sector cinexético para “definir un novo marco de xestión do lobo adaptado á realidade do rural galego e ás directrices europeas de conservación e convivencia do lobo coa práctica da gandería extensiva”.
Galego










Control OJD