O Goberno central denega a Galicia a autorización excepcional para utilizar drons na aplicación de fitosanitarios contra o verme soldado e na Ribeira Sacra

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias e o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria reuníronse hoxe con representantes de UUAA e Asaga e das denominacións de orixe vitivinícolas para abordar esta cuestión

dron millo
O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, mantiveron hoxe unha xuntanza con representantes de Unións Agrarias (UUAA), a Asociación Agraria de Galicia (Asaga) e dos consellos reguladores das denominacións de orixe vitivinícolas para abordar a necesidade de seguir reclamando ao Goberno central que permita a aplicación de tratamentos fitosanitarios específicos con dron no caso do verme defoliador do millo e as enfermidades fúnxicas que afectan á vide, especialmente naquelas zonas de difícil acceso ou condicionadas pola propia orografía, como é o caso da Ribeira Sacra.

Nesta xuntanza os directores informaron de que as autorizacións excepcionais para aplicación destes produtos de xeito aéreo solicitadas por parte da Consellería do Medio Rural ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación foron denegadas. Tamén se deu conta da normativa estatal que regula este tipo de procedementos e que, tal e como expuxeron os representantes do Goberno autonómico, “está baseada na aplicación con aeronaves tripuladas e non con drons, que teñen unha incidencia ambiental menor e permiten subministrar os fitosanitarios con maior precisión”.

Neste sentido, os directores aseguraron que “a Xunta seguirá a defender os intereses dos profesionais do agro e volverá a incidir na necesidade de que o Ministerio reclame ante a Unión Europea a adaptación da normativa para permitir este tipo de aplicación en situacións normais, sen necesidade de ter declarada unha praga; ademais de poder contar con tratamentos específicos para o verme defoliador do millo e as doenzas da vide que poidan subministrarse de xeito aéreo”.

Seguindo esta liña, lembraron que “o uso destes aparellos reduce de xeito considerable os custes de produción, aumenta a eficiencia e, a diferencia dos mecánicos, ten un menor impacto sobre os cultivos”.

Valoración de Unións Agrarias

reunion xunta dron drons

Unións Agrarias-UPA mantivo hoxe unha xuntanza coa Consellería do Medio Rural para trasladarlle as súas demandas en relación á posibilidade de aplicar tratamentos fitosanitarios con drons. A organización solicita a colaboración da administración autonómica para defender ante o Ministerio de Agricultura unha posición galega clara que aporte solucións viables ante casos de especial complicación, como a propagación da praga do verme soldado ou a viticultura heroica da Ribeira Sacra.

Unións Agrarias entende que, “nun territorio como o galego, marcado polo minifundio, a dispersión e por unha orografía complexa, o emprego de drons constitúe unha alternativa útil e eficaz que pode e debe empregarse, especialmente en casos de aparición de pragas emerxente ou en cultivos nos que a aplicación convencional está a presentar límites evidentes”.

“Non se está propoñendo empregar máis produtos fitosanitarios nin modificar os obxectivos europeos de redución do seu uso, nin tampouco substituír a loita integrada contra as pragas. O que se propón é mellorar o xeito de aplicación: conseguir co mesmo produto ou menos unha aplicación máis eficaz, con menor deriva e máis seguridade para os traballadores, os cultivos e o medio ambiente”, explica Unións Agrarias.

Se ben a día de hoxe a aplicación aérea está prohibida con carácter xeral, a normativa admite a autorización de excepcións nos casos nos que non exista alternativa viable. Unha vía que Unións Agrarias insta a empregar para aportar solucións de xeito inmediato en tanto non é posible modificar o marco legal europeo que frea o emprego de drons por equiparalos á aviación convencional.

“O que solicitamos é que a estratexia inmediata se formule non como unha autorización xeral para os drons, senón como a tramitación de expedientes concretos con produto, cultivo praga, zona, prazo e condicións técnicas claramente delimitadas”, explica a organización agrogandeira; que busca aportar seguridade xurídica e desbloquear as complicacións que o sector está a enfrontar.

Así, Unións Agrarias solicitou á Xunta unha posición común de Galicia ante o Ministerio de Agricultura baseada en dous compromisos: defender en Bruxelas unha actualización normativa que diferencie os drons da aviación agrícola convencional e recoñeza o seu carácter de ferramenta de precisión cando se apliquen baixo condicións técnicas estritas; e, mentres ese cambio non chega, utilizar con decisión e seguridade xurídica as excepcións que xa permite a normativa vixente.

Viticultura heroica e millo forraxeiro

O primeiro ámbito prioritario no que é necesario contar coa posibilidade do emprego de drons é a Ribeira Sacra. Unións Agrarias lembra que “a aplicación manual de tratamentos en viñedos de forte pendente supón riscos laborais evidentes, exposición directa dos traballadores, dificultades de execución e perda de eficacia nos tratamentos. Ademais, a falta de man de obra e o incremento dos episodios de calor fan cada vez menos razoable manter como solución ordinaria a aplicación manual en determinadas parcelas”.

“Neste caso, o uso de drons permitiría mellorar a seguridade, reducir tempos de traballo, diminuír o volume de caldo empregado, actuar con maior rapidez fronte a enfermidades como o mildio e deixar trazabilidade dixital das aplicacións”, expón a organización. 

No que respecta ao millo forraxeiro, Unións Agrarias lembra que “a propagación da praga do verme soldado supón un reto que non está a ser posible combater con éxito cos medios actualmente dispoñibles”. A incidencia desta praga é particularmente problemática cando o millo xa acadou unha altura que dificulta ou impide a entrada de maquinaria sen causar danos no cultivo; co que a alternativa vese reducida a aplicacións desde as beiras con canóns pulverizadores, con menor eficacia e maior risco de deriva; ou á aplicación manual, que non pode considerarse unha solución razoable para superficies agrarias reais. Ademais, se a praga non se controla correctamente e quedan individuos reprodutores dunha campaña para outra, a presión da praga pode ir en aumento”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información