
A organización Unións Agrarias (UUAA) solicita a Consellería do Medio Rural a convocatoria urxente da Mesa da Pataca de Galicia. As dificultades que están a atravesar centos de produtores -especialmente na comarca da Limia- polos asolagamentos das parcelas de produción é o principal motivo desta solicitude.
Ademais, dende UUAA sinalan que a día de hoxe os prezos en orixe apenas superan os 0,12 € por quilo. Por eso, reclaman das administracións que vixíen para evitar o incumprimento da Lei da cadea alimentaria ante “a sospeita de que se estea forzando aos produtores a vender a perdas.”
A organización agraria considera que na Mesa da Pataca deben estar presentes a Administración, a industria e o sector produtor con representación no Consello Regulador da IXP Pataca de Galicia, “coa finalidade de analizar a situación que está padecendo o sector e propoñer solucións que dean cobertura a esta excepcionalidade e se aproben medidas que palíen a caída das rendas nas explotacións.”
Ademais da xuntanza da Mesa, UUAA solicita da Deputación de Ourense a activación dunha liña de axudas similar as que anunciou para o sector da carne co obxectivo de tratar de relanzar o sector e logo de situacións como a perda de toda a colleita de cereal de inverno na Limia.
A maiores das baixas cotizacións da pataca en orixe e das adversas condicións meteorolóxicas que se levan padecendo dende outubro, UUAA pon o foco no incremento dos custos de produción, que tamén están a supoñer un quebradeiro de cabeza para os agricultores.
A organización agraria lembra que o sector da pataca é fundamental en Galicia, liderando a superficie de cultivo de media estación en España e representando o 53% do total nacional con arredor de 16.000 hectáreas dedicadas ao tubérculo. En condicións normais, a produción de pataca en Galicia ronda uns 310 millóns de quilos anuais.
Galego









Control OJD