A organización Unións Agrarias vén de solicitar da Consellería do Medio Rural o uso dos fondos comunitarios vencellados aos Plans de Desenvolvemento Rural (PDR) como mecanismo de aval e financiamento para salvar as grandes dificultades nas que se atopan moitas das explotacións agrogandeiras galegas polo peche das canles comerciais derivados da crise sanitario do Coronavirus.
“O Covid-19 supón unha ameaza sistémica e global sobre a nosa sociedade e a nosa economía, que esixe de todos nos rápidas respostas que permitan anticiparnos aos danos estruturais irreversibles que esta crise terá sobre o noso tecido rural de familias, explotacións e empresas, e un sistema seguro de produción de alimentos para a nosa sociedade de non tomarse de inmediato medidas que vaian encamiñadas na dirección axeitada”, advirten dende Unións.
Neste sentido, lembran que en Galicia hai sectores enteiros especialmente ameazados pola caída da demanda actual das súas producións en canles específicos de comercialización, como o sector ovino caprino, o de carne de vacún, e o sector vitícola. “Nesta situación -defenden-, é prioritario evitar o colapso do sector agrogandeiro galego por falta de liquidez. Sendo vital dispoñer medidas inmediatas de reforzo da renda, nas que un PDR urxentemente reorientado e modificado, pode xogar un papel fundamental”.
A este respecto, avogan por “dar prioridade absoluta, con dotación orzamentaria extraordinaria, e ao límite dos módulos que permita o actual Regulamento FEADER, ás medidas do PDR de Galicia que poden dar liquidez e transferencia inmediata de renda ás explotacións mediante pagos directos, como poden ser a Medida 11 Agroambiente e Clima, e a Medida 13 Pagos a zonas con limitacións naturais. Sen menoscabo doutras actuacións prioritarias que permitan igualmente un reforzo de renda ao sector vitícola entre outros especialmente afectados”.
A Comisión Europea permite utlizar fondos do PDR para este fin
A Comisión Europea este pasado xoves, vén de aprobar unha serie de medidas urxentes que permitirán dar flexibilidade ao fondo FEADER, para que cada estado membro e cada rexión da Unión Europea, poida reorientar a aplicación deste fondo, de xeito inmediato e innovador, para tomar medidas que permitan paliar os danos desta crise sobre o sector agrario e o medio rural.
Entre outras, esta decisión da Comisión permitirá a reprogramación inmediata mediante procedementos simplificados, dos fondos FEADER actualmente dispoñibles nos distintos Plans de Desenvolvemento Rural en vigor. De xeito que se poidan reorientar as medidas actuais dos PDR, cara aquelas outras que agora mesmo darían máis osíxeno e cobertura aos sectores e colectivos máis ameazados de supervivencia, por outra parte fornecedores de alimentos, garantes do abastecemento da poboación e fornecedores de estabilidade social, o que permitirían establecer liñas de crédito ou avais de ata 200.000 euros por beneficiario ou explotación en condicións moi favorables en canto a garantías, prazos de amortización e baixos intereses.
Por todo elo, a organización agraria solicita con máxima urxencia a posta en marcha inmediata, neste mesmo mes de abril, dunha profunda reorientación dos fondos do PDR que permitan afrontar con posibilidades de éxito os gravísimos retos que esta crise crea á sociedade no inmediato e medio prazo. “Para iso é necesario que desde a Consellería se convoque por vía telemática a Comisión de seguimento do PDR para poder concretar as medidas”, conclúen dende Unións Agrarias.