Unións Agrarias pide simplificar o arrendamento de terra na PAC

Dende a organización estiman que a nova esixencia de incluir o NIF do propietario terá un impacto moi desfavorable en Galicia pola distribución da terra e prevén que na presente campaña se reduza a superficie declarada na solicitude das axudas

Unións Agrarias pide simplificar o arrendamento de terra na PAC

Unións Agrarias transmiteulle á Consellería de Medio Rural a preocupación de moitos produtores galegos ante as crecentes limitacións burocráticas á cesión de terras entre particulares en réxime de arrendamento, pois esta campaña terán que aportar o NIF dos titulares da terra na súa solicitude da PAC, segundo se prevé nun cambio lexislativo aprobado polo Ministerio.

Dende a organización estiman que a nova esixencia terá un impacto moi desfavorable en Galicia, tanto pola distribución da terra, caracterizada por numerosos propietarios e complexas herdanzas sen regularizar, como pola desconfianza dos propietarios de que o seu NIF figure nunha declaración da PAC dos agricultores aos que ceden as parcelas en precario, moitas veces a condición de que as manteñan en boas condicións e aforrarse os gastos de roza para o cumprimento da lexislación de prevención e defensa contra os incendios forestais.

Unións prevé que para a presente campaña se reduza a superficie declarada na solicitude única por non arriscarse a posibles penalizacións por non poder acreditar convenientemente o NIF do titular catastral das parcelas, o que supoñerá perda de capacidade produtiva das explotacións por redución da súa superficie forraxeira ou superficie de cultivo e consecuentemente a redución dos ingresos das explotacións por perda de axudas da PAC.

Ata o de agora a obrigatoriedade que fixaba o Real Decreto 1048/2022 de identificar co NIF o arrendador nos contratos que afectaran a máis dunha hectárea, estaba cuberta pola existencia dun rexistro autonómico de parcelas que impedía o fraude na percepción de axudas da PAC.

Esta excepción foi derrogada en novembro de 2025 polo Real Decreto 1039/2025, do 19 de novembro, no que se modifica o Real Decreto 251/2024, do 12 de marzo, que establece as bases reguladoras das subvencións destinadas ao sector agroalimentario e forestal, no marco do Plan Estratéxico da Política Agrícola Común 2023-2027.

En definitiva, para a organización o novo requisito vai en contra da simplificación administrativa anunciada e implicará un atraso na campaña de presentación de solicitudes, o que reducirá o prazo que as autoridades de xestión teñen para realizar os controis, o que dificultará a realización do anticipo das axudas a partir do 16 de outubro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información