Unións Agrarias pide instalar en monte gaiolas grandes para controlar o xabaril

A organización agraria é partidaria de buscar medidas complementarias á caza para atallar o problema de danos, que sostén que vai a máis

Unións Agrarias pide instalar en monte gaiolas grandes para controlar o xabaril

Imaxe de arquivo dos danos causados polo xabaril

Unións Agrarias solicita á Xunta de Galicia unha mesa de traballo coa administración e cazadores para analizar a situación do xabaril e propón que aproben un plan piloto a través do que se verifique a eficacia das gaiolas grandes para a captura de unidades familiares. O sindicato lanza estas propostas ante unha situación “insostible” do xabaril e que, a maiores do risco que provocan nas vías, pode chegar a causar un problema sanitario na cabana gandeira.

Jacobo Feijoo, responsable de Desenvolvemento Rural en Unións, indica que a administración debe poñer o foco en dous asuntos. O primeiro deles é o control da poboación e para iso propón unha ferramenta complementaria á caza, como poden ser as gaiolas grandes. Actualmente, empréganse as individuais cando se detecta algún problema en grandes núcleos urbanos, “pero nós queremos eliminar unidades familiares, dese xeito se reducirían os danos que poidan causar nesa zona”.

Por iso propoñen que se abra un plan piloto para testar a súa eficacia e así verificar se son viables, ademais de marcar o protocolo para a súa colocación e xestión. “Para as individuais existe un, pois terá que ser algo nesa mesma liña”, explica Roberto García, secretario da organización.

Pedirán unha modificación do sistema de indemnización dos danos na agricultura e gandería, xa que, segundo describen, só cobren o 10 %

Outro dos focos é o control dos puntos críticos e para iso, Feijoo destaca que a Administración debe marcar parámetros distintos entre as zonas produtoras de Galicia e aquelas nas que non hai actividade. “Naquelas zonas de moitas hectáreas de millo, prado ou viñedo é preciso diminuír a poboación ata que sexa posible convivir con estes animais”. Engade que tamén debe haber unha xestión para poder capturar estes animais dentro dos espazos protexidos nas 300.000 hectáreas da Rede Natura. “Somos coñecedores de que nas áreas limítrofes a eses espazos fan moitos danos, pero non podemos atallar o problema”.

Nesa mesa coa Administración tamén pedirán unha modificación do sistema de indemnización dos danos na agricultura e gandería, xa que, segundo describen, só cobren o 10 %. “Dos 12-14 millóns de euros que se pagan polos danos, tan só se pagan 1,4 millóns de euros coas axudas. Ademais, gandeiros e agricultores teñen un tope de 1.750 euros por hectárea, algo que se queda moi curto”, destaca Feijoo.

Problemas do xabaril
Entre as problemáticas que expuxeron para que se traballe na xestión do xabaril, foi que actualmente xa é un problema de seguridade viaria. Segundo os datos que manexan, no 2016 esta fauna causaba 3 accidentes ao día, pero na actualidade provoca 10 accidentes diarios. “A escalada é enorme nun período curto”, subliña Feijoo. Para isto, tamén propoñen axudarse da intelixencia artificial e, como en Cataluña, empregar sensores que alerten da presenza de animais na vía, “xa que se demostrou que son eficaces”.

Outra das ameazas que manifestan é o problema sanitario e poñen de exemplo Asturias, que ata hai uns meses estaba exenta de tuberculose, e actualmente ten puntos críticos. “Segundo indican, todo apunta a que o regreso da enfermidade foi polo incremento da fauna salvaxe”, resalta García. Ante isto, resaltan que se precisa incrementar “o control sanitario da fauna salvaxe, en especial do corzo e do xabaril, e así anticiparse a que aconteza o mesmo que en Asturias”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información