Unións Agrarias obriga a LIDL a retirar unha oferta de albariño a 4,89 euros

Publicidade

UNIONS LIDL VINHO ALBARINHOUnións Agrarias convocou esta mañá unha protesta ás portas do Lidl situado na rúa Volta do Castro, en Santiago de Compostela, para denunciar o emprego do viño como produto reclamo.

Membros da organización e viticultores concentráronse ante o establecemento para sinalar a oferta dun albariño da DO Rías Baixas por debaixo de custos. “Unha promoción inadmisible coa que a cadea incorreu nun novo caso de venda a perdas que Unións Agrarias porá en coñecemento da AICA e da Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia”, advirten dende a organización agraria.

Neste caso a organización puxo o foco sobre a cadea alemá Lidl, que “cun albariño Rías Baixas a 4,89€ claramente estaba a incumprir a Lei de Cadea Alimentaria”. “Con ese prezo resulta claro que non se están a cubrir os custos de produción dos distintos elos cadea”, sinala a organización, que destaca que só a uva precisa para elaborar o contido unha botella situaríase nos 3 €, aos que hai que sumar os custos de elaboración e transporte á adega, o embotellado, etiquetado, corcho, transporte e as marxes da propia distribución. “É imposible que este PVP respecte a lei”, conclúen.

A organización lamentou “unha oferta que chega nun momento especialmente sensible, co sector do viño marcado pola enorme incertidume que teñen xerado os aranceis anunciados polos Estados Unidos”.

Neste sentido, Unións Agrarias fixo un chamamento para que “se paralicen este tipo de prácticas tan nocivas para o sector produtor”. “Levamos anos traballando polo prestixio dos viños galegos e non podemos permitir que se banalicen agora deste xeito”, destaca Unións Agrarias, que coa actuación de hoxe quixo realizar tamén “unha chamada de atención para que outras cadeas eviten caer na tentación de realizar ofertas semellantes”.

Logo da concentración realizada ás portas do punto de venda a organización puido comprobar que a oferta xa fora retirada dos andeis do supermercado. Porén, Unións Agrarias porá esta promoción contraria á lei en coñecemento tanto da Xunta de Galicia como da Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia. Nese senso, a organización insta ao goberno galego a impulsar, a través da AICA galega, accións de control que disuadan á distribución de incorrer neste tipo de prácticas e confía en que “a actuación denunciada non quede impune”.

Captura de pantalla 2025-04-16 215648

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información