
Félix Porto e José Ramón González durante unha rolda de prensa de UUAA
Unións Agrarias solicita unha reunión de urxencia coas Consellería de Medio Rural e Medio Ambiente para trazar un plan de actuación inmediato diante do gromos de Peste Porcina Africana (PPA) aparecidos en Cataluña. Pola información que se manexa a detección do virus deuse en dous xabarís na provincia de Barcelona o que supón a reaparición da enfermidade desde 1994.
A organización agraria fai un chamamento a que “se tomen medidas de control contundentes diante da fauna salvaxe, e sobre todo dos xabarís, por ser o vector de transmisión mais activo”. Neste sentido UUAA, lembra que “levamos anos advertindo do grave risco sanitario que supoñía o descontrol das mandas de xabarís para as explotacións porcinas”. Na actualidade e falta de censos oficiais, que tamén foron reclamados por UUAA en numerosas ocasións, o número de animais que, segundo a organización agraria, poden formar parte das mandas de xabarís en Galicia supera os 100.000 animais.
Ademáis, exixe do Ministerio de Agricultura que se rexionalice a toma de medidas de control e se poña o foco da limitación de movementos en Cataluña, para que non se vexan afectadas o total das granxas en produción de todo o Estado español.
O porcino é un sector de enorme importancia para o medio rural galego xa que conta con case 2.300 explotacións con 1,2 millóns de cabezas, o que supón unha facturación de mais de 450 millóns de euros con especial incidencia en comarcas como Deza, A Limia entre outras.
Desde UUAA faise un chamamento de tranquilidade aos consumidores para lembrar que “esta doenza no gando porcino non representa ningún risco para as persoas” e convida ás administracións “a que insistan nesta clave para evitar repercusións no consumo tanto interno como internacional”.
Do mesmo xeito, a organización agraria pide ás granxas e transportistas a que extremen as medidas de bioseguridade para tratar de atallar a extensión do problema.
Galego









Control OJD