O sindicato Unións Agrarias solicita a comunicación urxente aos gandeiros dos datos correspondentes ás sancións por supertaxa. “Resulta necesaria e urxente a comunicación individualizada por parte das empresas recolledoras ás explotacións sancionadas, xunto cos importes a reter nas liquidacións”, demandan dende a organización agraria.
Nun comunicado UUAA sinala que “deste xeito débense liberar as retencións a conta do gran número de granxas, que a pesar de que non figuran entre as sancionadas, tiveron que alugar cota para cubrir esa posible incidencia”. Ademáis, a organización agraria sinala que “ademais estas explotacións teñen sen cobrar o leite de marzo e manteñen vivos avais bancarios para cubrir unha sanción que non se vai a producir, co que iso supón nun momento de afogamento económico como actual”.
Priorizar o leite español ante o boicot francés
Por outra parte, e despois de coñecer a sabotaxe en Francia a unha cisterna que contiña nata procedente de España, o sindicato Unións Agrarias pide ás empresas transformadoras que “prioricen a produción láctea española fronte ás importación de leite en po e produtos terminados de Francia”.
“Esta acción suporá un alivio para a situación que atravesa o sector en Galicia e un xesto de compromiso para coa supervivencia do medio rural galego”, sinalan. Neste sentido, UUAA denunciará diante dos consumidores ás empresas que manteñan as importacións francesas.