Unións Agrarias escenifica a aposta por un “sindicalismo útil que aporte solucións”

A organización agraria aproveita o seu Congreso para tender pontes co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, quen avoga igualmente por “traballar en conxunto” e esquecer enfrontamentos pasados

Unións Agrarias escenifica a aposta por un “sindicalismo útil que aporte solucións”

O presidente da Xunta, na súa intervención no congreso de Unións Agrarias, celebrado en Santiago cun aforo limitado a 100 persoas pola Covid.

No último Congreso de Unións Agrarias ó que acudira o presidente da Xunta, en decembro do 2014, o encontro entre ámbalas partes concluira en choque de trens. Houbera daquela duras críticas sindicais á xestión do Goberno galego, ás portas de que Galicia afrontase un final convulso das cotas lácteas, e Feijoo, molesto pola chuvia de reproches, fórase coa idea de ter recibido ataques inxustos. Seis anos despois, os mesmos protagonistas volveron xuntarse nun Congreso de Unións Agrarias, de ton máis moderado, no que se escenificou por ambas partes a vontade de “traballar en conxunto”.

O Congreso abriuse cunha intervención do secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, quen puxo énfase na necesidade de que o Goberno galego e a organización agraria traballasen unidos por “un proxecto común”. Durante media hora, García fixo un diagnóstico dos distintos sectores do agro e presentou dun xeito conciliador posibles solucións para encarar os problemas.

Dúas foron as principais prioridades marcadas polo secretario xeral de Unións. A primeira, a cuestión do prezo do leite e doutras producións agrarias, como a carne. García cuestionou os contratos que as industrias lácteas lle están entregando ás granxas e pediu medidas como un observador institucional nas negociacións entre industrias e as organizacións de produtores -“un observador como o que se manda ós países de dubidosa democracia”, comparou-. Tamén avogou por condicionar as axudas públicas ás industrias ó feito de que se chegue a contratos xustos no campo.

O segundo gran foco de preocupación sindical é a falta de terra agraria en Galicia. “Estamos a importar 3 millóns de toneladas anuais de cereais para alimentación animal nun contexto mundial de encarecemento dos cereais” -analizou García-. “Precisamos aumentar a base territorial, poñer terras abandonadas a producir e lograr máis cantidade de forraxes propias para as nosas granxas. Estamos dispostos a traballar en conxunto coa Xunta para buscar solucións no marco da Lei de Recuperación de Terras Agrarias, xa que hai que recoñecer que das 30 enmendas que presentamos á Lei, case todas se van ter en conta”, subliñou.

A longa intervención de García foi seguida por outra similar do presidente da Xunta, que coincidiu con García na importancia da “unidade”. “Podemos entendernos e traballar xuntos en moitas cuestións. Haberá outras cousas nas que non nos entendamos e que será mellor deixar a parte”, valorou.

O presidente compartiu con Unións a importancia das iniciativas de recuperación de terra agraria, apostou por unha industria láctea que xere maior valor engadido e anunciou o deseño de inminentes plans estratéxicos para o sector da carne e do viñedo.

Sobre outro debate de actualidade, como o da reforma da Política Agraria Común (PAC), Feijoo agradeceu a colaboración de Unións para defender ante o Ministerio unha postura conxunta da España húmida, en alusión ás demandas das comunidades da Cornisa Cantábrica.

Tralas intervencións institucionais, o Congreso continuou con debates internos, en tanto que Roberto García, reelixido secretario xeral de Unións Agrarias co 97% dos apoios, saíu á porta para despedirse do presidente da Xunta, co que só lle faltou entonar en conxunto o ‘Amigos para siempre’. Queda por ver se ambos lembran aquela parte da célebre canción de Los Manolos que di ‘Not just a summer or a spring / Amigos para siempre’ (Non só un verán ou unha primavera / Amigos para sempre).

No centro, o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, e o presidente da Xunta.

No centro, o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, e o presidente da Xunta.

Ence e a moratoria do eucalipto

O conflicto social aberto en Pontevedra pola continuidade ou non da factoría de Ence foi un asunto que mereceu un capítulo especial na intervención de Feijoo no Congreso de Unións.

O presidente da Xunta defendeu que Galicia necesita dúas plantas pasteiras -en alusión á de Navia (Asturias) e á de Pontevedra-, e argumentou que non hai ningunha empresa que estea disposta a poñer “400 millóns de euros” para montar unha planta alternativa á de Pontevedra noutra ubicación. “Gustaríame saber que opina este sindicato sobre o desmantelamento de Ence”, inqueriu, para lembrar a importancia da cadea do eucalipto en Galicia e os postos de traballo e ingresos que xera.

Feijoo aproveitou tamén para defender a moratoria do eucalipto que planea o seu Goberno, pois entende que hai que “protexer o prezo do eucalipto e evitar unha situación futura de sobreoferta”, valorou. “Cómpre ademais apoiar á importante cadea do piñeiro que temos en Galicia, que podería ter dificultades de abastecemento nun futuro se non adoptásemos a moratoria”, valorou.

Por parte de Unións Agrarias, o seu secretario xeral, Roberto García, analizara previamente a situación do monte, incidindo en que en Galicia había espazo para tódalas especies forestais. “Non hai ningún conflicto entre monte e agro. As terras agrarias están protexidas por lei, igual que as masas de frondosas caducifolias. No monte produtivo que queda, hai espazo para eucaliptos e piñeiro. Tamén hai que lembrar que no Plan Forestal se contempla a posta en marcha de máis de 200.000 hectáreas de pasteiros no monte”, destacou.

Postura da Deputación de Pontevedra
O conflicto social aberto polo posible peche a medio prazo da factoría de Ence está a plasmarse estes días en enfrontamentos políticos e sociais na cidade do Lérez. Tras unha mobilización de traballadores na casa consistorial, o vicepresidente da Deputación, César Mosquera, acusou ó PP e a Ence de estar detrás da “Ence borroka”. Mosquera felicitouse tamén pola decisión do conselleiro delegado de Ence, Ignacio Colmenares, de admitir unha mesa de negociación sobre o futuro da pasteira, que ó entender de Mosquera ten que saír da Ría e buscar outra ubicación en Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información