Unións Agrarias informa de que estará “especialmente vixiante para que as adegas garantan a recollida da uva a un prezo que permita cubrir custos de produción, pois o que non pode ocorrer é que os viticultores/as sufran as consecuencias dos lumes por partida dobre”.
Neste sentido, avanza que denunciará ante a AICA (Axencia de Información e Control Alimentario) “calquera comportamento irregular por parte das adegas, ao fin de que o consumidor posúa a información suficiente para, de ser o caso, discriminar coa súa compra a aquelas que realmente se están a aproveitar da situación”.
“Estamos ante unha situación excepcional, pois a vendima que está a comezar estes días tínguese dunha importancia substancial; en moitos dos viñedos que axudaron a frear o lume, este queimou parte das viñas, o que inevitablemente vai repercutir nunha baixada dos rendementos. As imaxes falan por si mesmas; aqueles viñedos coidados e xestionados serviron como cortalumes naturais á hora de loitar contra o lume e evitar que este se propagara pola contorna dos núcleos de poboación rurais”, explica Carlos Basalo, responsable de Viticultura en Unións.
Ante esta situación, Unións Agrarias quere “amosar en primeira instancia o seu recoñecemento e gratitude ao labor de todos aqueles viticultores/as que día a día están a coidar os viñedos, demostrando unha vez máis que ante catástrofes ambientais como a que se está a vivir, as persoas que traballan o rural son, ao mesmo tempo, heroes e os máis damnificados”.
Neste sentido, dende a organización agraria defenden que “garantir uns prezos xustos non soamente é unha aposta polo presente e pola viabilidade do sector, senón tamén polo futuro. Precisamos que as máis de 9.000 hectáreas de viñedo que hai en Galicia sigan a estar traballadas, e que os máis de 10.000 viticultores/as non cesen na súa actividade, pois o que non podemos permitirnos é que nun futuro os lumes avancen por mor da desaparición dos viñedos”.
A organización ven a poñer o foco na provincia máis prexudicada, Ourense, que conta con tres Denominacións de Orixe (Valdeorras, Monterrei e Ribeiro) e parte da Ribeira Sacra. “Unha provincia que necesariamente ten que situarse no centro da actuación dos poderes e Administracións Públicas, ao fin de que elaboren políticas reais, pegadas ao territorio, que garantan o relevo xeracional para que os mozos e mozas poidan optar por unha actividade que lles permita vivir dignamente, con prezos e condicións xustas”, defende Carlos Basalo.
Esta campaña que inicia Unións Agrarias consta de dúas vertentes: “Por unha banda, vixiar exhaustivamente que as adegas cumpran coa lei da cadea alimentaria e non quede uva sen recoller e, por outra, apostar por políticas que protexan aos viticultores/as para que non desapareza unha soa explotación e, ao mesmo tempo, garantan o relevo xeracional no sector porque o que non xestionamos as persoas, xestiónao o lume”.
Galego









Control OJD