Unións Agrarias critica que a Xunta tan só dea 15 días para solicitar as axudas ao sector vítícola

Publicidade

colleita cosecha en verdeUnións Agrarias lamenta “o escaso prazo habilitado pola Consellería para a tramitación tanto das axudas para reestruturación e reconversión de viña como para as correspondentes á vendima en verde”. A organización critica os “axustados tempos” dunhas convocatorias que “suporán serias dificultades de acceso”. “Pero tamén o seu enfoque claramente sesgado, que prioriza ao sector industrial fronte aos pequenos produtores”, engaden.

Unións Agrarias lamenta que, logo de meses instando á Consellería a habilitar solucións para os problemas de acumulación de stock de uva tinta que están a darse, principalmente na DO Ribeira Sacra, “Medio Rural chegue tarde e con présa”. “Estamos ante unha orde que non foi consensuada co sector e na cal apreciamos eivas importantes”, destaca a organización, que non entende que a administración “dea apenas 15 días naturais aos interesados para solicitar as axudas para a vendima en verde”.

Unións Agrarias entende que “os axustadísimos tempos que impón a convocatoria suporán un serio reto para os produtores interesados en acollerse a ela”; e ponse a disposición de todos aqueles que precisen axuda para realizar o trámite en tempo e forma e evitar así perdas de uva e posibles abandonos.

Ademáis, advirten de que “non é este o único problema que se aprecia nunha orde de axudas que concede contías maiores polo mesmo traballo ás adegas que aos pequenos viticultores”. “Non queremos crer que o axustado dos tempos da convocatoria responda a un consenso previo con algunha adega, pero non se entende que se valore máis o feito de que unha adega teña que cortar uva que o feito de que un pequeno produtor faga o mesmo”.

Na mesma liña, Unións Agrarias lamenta os 15 días que Medio Rural dá aos interesados en acceder ás axudas para reestruturación e reconversión de viña publicadas hoxe. “Un prazo moi escaso para unha orde de enorme importancia para o sector, pois condiciona actuacións de tanto calado como a posibilidade de realizar cambios varietais ou inxertos”, advirten.

Así as cousas, Unións Agrarias insta a Medio Rural a ampliar cando menos ata o 30 de abril, o máximo que permite a normativa vixente, o prazo de solicitude para acceder a estas axudas. “Sería inadmisible que quedase xente fóra por falla de tempo para realizar a tramitación. Pero tamén que por falla de orzamento”, destaca a organización, que insta á Consellería a “actuar con responsabilidade e flexibilidade para que as achegas poidan chegar a todos os produtores que precisen delas”.

Unións Agrarias tamén fai un chamamento ao diálogo e insta ao goberno galego a traballar da man do sector para buscar solucións ás problemáticas que este enfronta e a convocar sen demora as Mesas do Viño.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información