Un dos cambios acordados para a PAC no 2018 é a obriga de que as granxas apliquen o purín a través dunha inxección no solo. Nas medidas de condicionalidade da PAC, prohíbese o esparexido dos xurros por bandexa ou canón, esixindo a súa inxección no chan, salvo determinadas excepcións xustificadas que se poidan decidir a nivel autonómico. Unións Agrarias advirte, sen embargo, de que esa medida é inviable para Galicia.
A organización agraria entende que a inxección no solo implicaría tal aumento de custos que a fan “imposible de levar á práctica”, pois aumentaría sensiblemente o tempo de aplicación. Desde Unións solicitan da Xunta a posta en marcha dunha mesa de traballo para buscar solucións, xa que entenden que a Consellería do Medio Rural dispón das competencias para concretar algunhas das excepcións previstas na norma.
De non existir unha modulación da normativa en Galicia, Unións advirte de que o sector se vería abocado a un grave problema para xestionar os 15 millóns de metros cúbicos de purín que se producen cada ano. “O cambio da normativa da PAC crea un problema onde antes non existía, pois en Galicia, salvo zonas puntuais cunha concentración alta de granxas de porcino, non hai problemas de xestión dos xurros. Os gandeiros están cada vez máis concienciados en aplicalo ben, entre outras cousas, porque se perden nitróxeno por unha mala aplicación, terán un maior gasto en fertilizantes químicos”, subliña Óscar Pose, de Unións Agrarias.
Consultada a Consellería do Medio Rural sobre esta cuestión, sinala que está traballando no tema e que esta semana ten previstos contactos con outras comunidades autónomas para acordar unha posición ao respecto.