Unións Agrarias advirte de que “freouse a ratificación do acordo UE-Mercosur pero non a súa aplicación”

Pola súa parte, Asaga e Asaja reiteran que o acordo é “desequilibrado e inxusto” e confían en que se free a súa ratificación

Roberto García, secretario xeral de Unións Agrarias, no centtro. Foto: Arquivo

Roberto García, secretario xeral de Unións Agrarias, no centtro. Foto: Arquivo

Unións Agrarias valora “positivamente” a decisión do Parlamento Europeo de solicitar un ditame ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea sobre o acordo comercial da UE cos países de MERCOSUR, “algo que tamén levabamos tempo reclamando”. “Nun acordo tan importante como o UE–Mercosur, poñer o proceso baixo control xurídico non só é razoable, é imprescindible”, subliñan.

“Estamos a falar dun acordo de enorme alcance, con consecuencias directas sobre sectores clave, e moi especialmente sobre a agricultura e a gandería. Por iso insistimos en que aclarar as dúbidas xurídicas antes de seguir adiante non é poñer paus nas rodas, senón actuar con responsabilidade. A seguridade xurídica é unha garantía para todos, non un obstáculo”, engaden dende a organización agraria.

Dende Unións tamén lembran que “ese ditame pode ter distintos efectos: desde frear o acordo tal e como está, ata permitir que siga adiante pero con cambios e condicións. O que está claro é que, unha vez se emita, marcará obrigatoriamente o camiño a seguir e condicionará as decisións das institucións europeas”.

Ademáis, precisan que “logo da votación de hoxe no Parlamento Europeo o único que se frea é a ratificación definitiva do acordo, pero non aplicación, aínda que provisional, do mesmo”. “Esa aplicación provisional, que pode decidir o Consello da Unión Europea, faría que partes do acordo entrasen en vigor na práctica, sen ratificación parlamentaria e sen ditame xurídico. E iso supón un risco evidente de inseguridade, especialmente para os sectores máis expostos.

Por iso agora o Parlamento Europeo ten que decidir se dá un paso máis e adopta medidas para evitar que o acordo se aplique provisionalmente mentres non exista unha base xurídica clara e definitiva”.

Por último, dende UUAA anuncian que seguirán “traballando durante este período de espera, en contacto cos sectores máis afectados”. “O noso obxectivo é claro: se este acordo acaba avanzando cara á ratificación, debe facelo con garantías reais, con regras claras e con mecanismos de control efectivos. Porque non se pode aplicar un acordo destas dimensións sen seguridade xurídica para o sector agrario. E iso require traballo, non consignas simples”, conclúen.

Asaga e Asaja reiteran que o acordo é “desequilibrado e inxusto” e confían en que se free a súa ratificación

Bruxelas2

Pola súa parte, as organizacións ASAGA e ASAJA valoran como “un paso fundamental” o aval do Parlamento Europeo para someter o acordo UE-Mercosur a control xurídico e destacan que “esta decisión é tamén froito do papel activo que as organizacións desempeñaron desde COPA-COGECA, impulsando as mobilizacións celebradas en Bruxelas e Estrasburgo”.

ASAGA y ASAJA subliñan a importancia das organizacións e a representación agraria para que as demandas do sector cheguen aos centros de decisión europeos e poidan traducirse en avances concretos, e agradecen “o compromiso dos agricultores e gandeiros que participaron nas mobilizacións para defender un acordo xusto e equilibrado para o sector agroalimentario”.

Desde ASAJA e ASAGA valórase como “un paso fundamental” a aprobación, esta mañá en Estrasburgo, no Pleno do Parlamento Europeo, da solicitude para someter a control xurídico, mediante un ditame do Tribunal de Xusticia da Unión Europea, o acordo UE-Mercosur. “Esta decisión permite avanzar na análise dun acordo que o sector agrario e gandeiro ven denunciando desde fai tempo polo seu grave impacto económico, produtivo e territorial, así como polas dúbidas xurídicas e políticas de fondo que plantexa”, aseguran dende as organizacións agrarias.

O presidente nacional de ASAJA, Pedro Barato, subliñou que a aprobación desta solicitude “reflicte que existen dúbidas xurídicas e políticas reais sobre o acordo UE-Mercosur” e confía en que este ditame “sirva para frear a ratificación dun acordo claramente desequilibrado e prexudicial para os agricultores e gandeiros europeos e que pon en risco a viabilidade de miles de explotacións”. Desde ASAGA e ASAJA fan un chamamento ao Goberno de España para que “defenda ao sector agrario e gandeiro, garantindo o principio de reciprocidade e unhas condiciones de competencia xustas”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información