Unións Agrarias advirte da entrada de carne de vacún a baixo prezo de Alemaña e Polonia

A organización agraria descarta que a caída do prezo do vacún teña que ver co acordo con Mercosur e urxe ao Ministerio de Agricultura a que “retome canto antes as negociacións para conseguir que Marrocos aprobe a rexionalización e permita así a entrada de carne de zonas de España que, como Galicia,  non están afectadas pola dermatose”

Wallace recomienda que los terneros estén en parejas o grupos porque su comportamiento es gregario

Unións Agrarias-UPA denuncia a “preocupante situación que enfrontan os produtores de vacún” e insta ás administracións a “mover ficha para correxir a caída do prezo da carne”. A organización fai un chamamento para que as negociacións con Marrocos se retomen coa máxima urxencia para que “a reapertura do principal destino de reses españolas poida ser unha realidade canto antes”.

Unións Agrarias amosa a súa “preocupación” ante a caída que o prezo da carne de vacún ven rexistrando desde o mes de marzo. “Unha devaluación que rolda os sesenta céntimos por quilo e tras a que, ademais das dificultades que está a provocar o peche do mercado marroquí, se sitúa a presión exercida pola carne a baixo prezo de Polonia e Alemaña”, advirte.

A organización agraria lembra que en 2024 España exportou a Marrocos 61.715 cabezas de máis de 300 quilos (o 52% do total de exportacións en vivo). En 2025 a cifra foi de 51.986 cabezas (64% do total). E en 2026, esta cifra é cero. Unha situación derivada do peche decretado polo goberno marroquí como prevención sanitaria ante a aparición da dermatose nodular contaxiosa en Cataluña a finais do ano pasado que está obrigando ao mercado estatal, xa lastrado por unha caída no consumo de carne, a asumir ese exceso de oferta.

Unións Agrarias insiste “na necesidade de que o Ministerio retome canto antes as negociacións para conseguir que Marrocos aprobe a rexionalización e permita así a entrada de carne de zonas de España que, como Galicia,  non están afectadas pola dermatose”.

“Porén, non estamos ante un problema local: a caída do prezo da carne de vacún afecta ao conxunto de Europa e ten que ver cun resentimento do consumo, coa acumulación e as dificultades para dar saída a animais pesados e coa presión exercida pola carne barata alemana e polaca”, asegura Xosé Rodríguez, responsable de Gandeiría de Unións Agrarias-UPA.

Á entrada de canais de Polonia a baixo prezo no mercado español sumouse nos últimos meses a procedente de Alemaña; un fluxo que non viña sendo habitual e que ten que ver co insuficiente consumo interno dese país.

Unións Agrarias defende que “a caída do prezo da carne non se produce a raíz da entrada en vigor do acordo co Mercosur”

Polo demáis, dende Unións defenden que “contrariamente ao que algunhas voces están transmitindo á opinión pública, os datos demostran que a caída do prezo da carne non se produce a raíz da entrada en vigor do acordo co Mercosur”. “Se ben non foi ata xuño que comezou a chegar ao mercado europeo o continxente de carne con arancel reducido, os descensos no prezo do vacún español comezaron a sentirse xa a comezos de marzo. Cómpre lembrar ademais que as importacións de carne brasileña non se inician co novo pacto; son unha realidade que viña de antes e a cuxo volume non afecta o acordo, que unicamente establece un arancel reducido (do 20 ao 7,5%) para 11.000 toneladas. Unha cantidade a partir da cal a carne procedente do Mercosur volve pagar a taxa habitual para acceder ao mercado europeo”, explica Xosé Rodríguez.

A penas un 4% de diferenza entre a carne de Ternera Gallega Suprema e a de cebadoiros

De calquera xeito, Unións Agrarias lembra que “a solución que as produtoras e produtores galegos precisan pasa pola promoción, a revalorización e a procura de novos mercados para a carne de Suprema”. Como exemplo a diferenza de prezo entre a produción que realizan as explotacións familiares tradicionais en extensivo e a carne de cebadoiro reduciuse nos últimos anos, pasando dun 10% en 2023 ao 4% actual. «Temos un sistema de produción totalmente diferenciado e de calidade, baseado no territorio e no benestar animal, e iso debe recoñecerse, divulgarse e poñerse en valor para conseguir un prezo diferenciado ante outro tipo de carnes», explica a organización, que insta á Indicación Xeográfica Protexida e á Xunta de Galicia a traballar nese sentido.

Unións Agrarias reitera ademais a necesidade de que “a PAC inclúa un Eco-rexime específico que recoñeza o papel medioambiental que desempeñan as explotacións tradicionais”. A organización incide no labor ambiental, na xestión do territorio e na actividade preventiva que a gandeiría tradicional desenvolve no que ten que ver coa loita contra o lume; factores que reclama que sexan tidos en conta na Política Agraria Común.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información