A organización Unións Agrarias advirte de que as ganderías galegas perderán 4 millóns de euros de axudas para previr e paliar os danos causados polo lobo debido ao desacordo entre a Xunta e o Goberno Central.
En concreto, a organización agraria lembra que o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico ten aprobados para Galicia 4 millóns de euros para a posta en marcha do Plan de xestión do lobo.
Porén, a Comunidade galega vai quedar excluída destas axudas “coa escusa de que a Xunta, en concreto a Consellería de Medio Ambiente, ten recorrido o Plan de xestión do lobo do Ministerio, aprobado en xullo do pasado 2022”.
Así, mentres outras comunidades cutónomas como Castela e León e Asturias teñen aprobados fondos ministeriais de 8,9 e 3,6 millóns de euros respectivamente para executar ao longo de 2023 medidas preventivas e programas de pago de danos, Galicia non vai recibir nada.
Neste sentido, Unións Agrarias considera “intolerable que os gandeiros paguen as consecuencias dun desacordo político e que se exclúa á nosa Comunidade dun plan aprobado para o conxunto do estado”.
Ademáis, a organización agraria “non acepta a explicación de que ese bloqueo se debe ao recurso da Xunta de Galicia a determinados aspectos contidos no Plan de xestión, nomeadamente asociados á prohibición da caza do lobo como elemento de control poboacional”. “É unha situación inédita que un recurso dunha Comunidade Autónoma a un plan legalmente aprobado por decisión ministerial supoña que este non se aplique no territorio da Comunidade Autónoma recorrente e si no resto do territorio estatal”, denuncian.
Por ese motivo, a organización insta a que tanto o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico como a Xunta de Galicia senten nunha mesa de negociación e non se levanten ata acordar a forma do desbloqueo dos nomeados fondos, independentemente de que o recurso se resolva antes ou despois.
Por último, Unións Agrarias lembra que estas liñas de axuda “son fundamentais para garantir a convivencia do lobo coa actividade gandeira, xa que Galicia conta cunha poboación de lobos que, cuns 93 grupos reproductores, supón o 30% do total de España e supera á de toda Francia”.
A organización agraria estima que nas explotacións gandeiras galegas e prodúcense anualmente unhas 3.200 baixas en cabezas de gando (ovino, bovino e cabalar, fundamentalmente); das que unicamente se declaran arredor de 2.400 debido ás trabas burocráticas e á escaseza dos fondos destinados á cobertura destes danos.