Unións advirte de que os Ancares segue sen permiso para usar pastos queimados

A organización agraria lembra tamén que as axudas establecidas polas perdas dos incendios aínda non se resolveron, pasados xa seis meses

Unións advirte de que os Ancares segue sen permiso para usar pastos queimados

Zona queimada nos Ancares. / Arquivo.

Os grandes incendios dos Ancares, que se levaron miles de hectáreas de monte e pastos por diante, deixaron atrás súa serias consecuencias para as ganderías de Cervantes. Os produtores agardaban unha autorización excepcional para o uso dos pastos queimados, tal e como anunciara a conselleira do Medio Rural, pero eses permisos seguen sen chegar.

Unións Agrarias advirte de que as ganderías están a quedarse sen forraxe, en tanto non poden facer uso dos pastizais afectados polo lume. “A situación comeza a ser crítica e haberá ganderías que teñan que vender animais”, pronostica a organización agraria.

Os gandeiros tramitaron as solicitudes para pastoreo en terreos queimados no mes de febreiro, pero non recibiron ningunha contestación. “Ten que haber un permiso por escrito. Non serve de nada que a conselleira saia nos medios dicindo que vai autorizar o pastoreo se despois non o fai na práctica”, cuestionan en Unións Agrarias.

A organización lembra ademais que as axudas polas perdas dos incendios, tramitadas no outono pasado, continúan sen resolverse. Días atrás, tamén Ovica advertira do problema que se está xerando nas ganderías de ovino e caprino de distintos puntos de Galicia pola imposibilidade de usar os pastos queimados.

Contestación de Medio Rural
Preguntado esta mañá sobre esta situación o director xeral de Ordenación e Produción Forestal, Tomás Fernández Couto, indicou que se estaban “analizando as situacións”. “Haberá medidas excepcionais, non xeneralizables, para os pasteiros afectados por grandes lumes, xa que deixan ós gandeiros con alternativas difíciles”, valorou na rolda de prensa de presentación do Plan de Defensa contra incendios 2018.

Sobre o caso concreto dos gandeiros dos Ancares, Fernández Couto recoñeceu que “é posible que non tivesen contestación as súas peticións. Estase valorando a situación e probablemente estean incluídos nas medidas excepcionais, non teño cada caso na cabeza”, matizou.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información