O problema que teñen as granxas beneficiarias de plans de mellora para lograr as licenzas de obra a tempo continúa un ano máis. Unións Agrarias advirte de que hai máis dun cento de explotacións que perderán este ano as axudas a causa dos retrasos de Medio Ambiente e de concellos á hora de tramitar a licenza de obra. A organización agraria demanda un cambio de sistema por parte de Medio Rural.
Para Unións, a perda de axudas dos plans de mellora é aínda máis grave no caso de persoas mozas que se incorporan á actividade agraria, pois dáse “o contrasentido de que se lles aproba a incorporación pero non a posibilidade de mellorar a súa explotación”.
A organización critica a “burocracia exasperante” e incide no feito de que a interpretación da normativa é diferente entre os propios funcionarios de Medio Ambiente, “que facendo unha lectura rigorista da norma poden prohibir as mesmas obras nunha granxa que permiten facer noutras”.
Ante os problemas para obter as licenzas a tempo, Medio Rural ampliara o prazo inicial, que finalizaba a mediados de setembro, durante un mes máis. Sen embargo, non foi suficiente para parte dos beneficiarios das axudas. Unións Agrarias cifra en alomenos un cento o número de afectados.
A solución, para a organización agraria, pasa por un cambio de sistema: “Outras comunidades autónomas esixen a presentación da licenza de obra á hora de certificar a obra, pero non para a concesión da axuda. En Galicia tamén se facía antes así e deberiamos regresar a ese sistema, xa que o actual obriga a gandeiros e Administracións a facer as cousas ás presas, co agravante de que moita xente perde as axudas pola excesiva burocracia”, cuestiona Óscar Pose, de Unións Agrarias.