Unións advirte de importacións masivas de leite a baixos prezos

A organización agraria sostén que están a entrar ata 1.000 toneladas diarias de leite procedente de Francia e Portugal. Pide que se extreme a vixilancia sobre os camións e que se evite que ese leite se envase como produto español

Unións advirte de importacións masivas de leite a baixos prezos

O sector está preocupado polas importacións a baixos prezos. Na imaxe de arquivo, un camión cisterna de Portugal revisado por gandeiros galegos en Monforte no 2016.

Unións Agrarias informa de que está a detectar a “entrada masiva” en España de leite e derivados comercializados por debaixo de custes que procede de países como Francia, Alemaña ou Portugal. A organización ten cuantificados ata 30 camións cisterna diarios –arredor de 1 millón de litros- que cruzan as fronteiras españolas para abastecer o incremento da demanda que se está a dar nas superficies comerciais.

Esta situación -cuestiona a organización- está sendo aproveitada polos países con excedentes na produción láctea para saldar as súas exportacións de leite líquido e derivados (fundamentalmente queixo alemán), cara o mercado español con prezos de 14 céntimos / litro, “o que vai a provocar unha caída en cascada das cotizacións do leite en orixe, sobre todo en Galicia”.
 
A organización sinala que as industrias francesas están pedíndolles os seus gandeiros que reduzan a produción, pois non atopan mercado para todo o leite. “Esa situación explica a posición baixista das empresas nas negociacións de prezos que estiveron tendo lugar nas pasadas semanas en Galicia”, advirte Unións.

Unións insta á Xunta e ó Goberno central a controlar a situación. Neste sentido, a organización agraria pide que se fagan públicos os datos de entrada de leite en España; así como, que se extreme o seguimento da trazabilidade das cisternas para impedir que o leite que transportan acabe envasado como leite español.
 
Unións Agrarias reclama das administracións man dura contra prácticas comerciais como a venda a perdas pola incidencia nociva que ten na cadea de valor de todo o sector lácteo. A organización agraria quere tamén implicar aos consumidores e consumidoras a que dean un paso adiante na defensa do medio rural de Galicia e merquen só leite e derivados lácteos producidos e envasados en España. Para iso, din, chega con revisar a etiqueta do envase para poder asegurarse de que se trata dun produto de proximidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información