Unións acusa á avícola Avigrao de actitude “abusiva”

A organización agraria sostén que a empresa lle impón aos gandeiros cos que ten contrato de integración a cría dun novo tipo de polo con maiores custos de produción, pero pagado ao mesmo prezo que o convencional

Unións acusa á avícola Avigrao de actitude “abusiva”

Granxa de polos. / Arquivo.

Unións Agrarias denuncia en nota de prensa unha suposta actitude abusiva da integradora Avigrao; empresa avícola que, segundo Unións, nos últimos meses lle está a impoñer aos gandeiros cos que traballa a cría dun novo tipo de polo que supón maiores custos de produción para as granxas; pero que a avícola paga usando as mesmas táboas de prezos que para o convencional.

Unións Agrarias faise eco do malestar existente entre os criadores de polo en relación ás prácticas de Avigrao. A organización agraria considera intolerables este tipo de prácticas e insta á firma con sede en Melide a respectar a Lei de Cadea Alimentaria e a renegociar tarifas acordes a esta nova produción. “A integradora, tal e como reflicten as liquidacións das granxas, está a ignorar o dereito dos produtores a percibir prezos xustos, aplicando tarifas que atentan contra a rendibilidade das explotacións”, denuncia o sindicato.

O periodo de cría pasa de 45 a 80 días

Nos últimos meses Avigrao está a testar a viabilidade dun novo tipo de polo, o coñecido como polo rubio, cuxos requerimentos de cría supoñen un elevado incremento dos custos de produción das granxas -segundo Unións- que a empresa non está a cubrir.

Mentres o tempo de cría habitual para un polo do tipo broiler rolda os 45 días, no caso do rubio ese período case chega a duplicarse, acadando os 80. Ademais, trátase dun ave cuns requerimentos de espazo tamén moi superiores ao convencional; que obrigan ás granxas a reducir a súa capacidade nun 60%.

O novo tipo de polo ten uns requerimentos de espazo moi superiores, o que obriga ás granxas a reducir a súa capacidade total nun 60%

Unións Agrarias entende que a introdución deste novo tipo de polo pode ser unha nova saída de negocio para o sector. Porén, considera intolerable que as probas sexan de obrigado cumprimento para as granxas; que en ningún caso se teña consultado aos gandeiros a súa vontade de incorporar este produto e, sobre todo, que non se adecúen as tarifas e que se estea a pagar por el o mesmo prezo que por un polo convencional, que supón unha rendibilidade de practicamente o doble para as granxas.

Retrasos na recollida asumidos polos gandeiros

A introdución deste polo rubio ten sido a pinga que colmou o vaso da paciencia dos produtores. Porén, o malestar dos gandeiros en relación ás prácticas desta empresa vén de atrás, pois non é esta a primeira vez que Avigrao obriga aos gandeiros a asumir o custo económico das súas probas -cuestiona Unións-; pois o que agora está a acontecer con este novo tipo de polos pasou hai un ano; cando a experimentación con distintos tipos de alimentación se saldou coa aplicación dunha tarifa case un 40% inferior á habitual.

A partir da sétima semana os animais son máis esixentes e menos rendibles: aumentan os seus requerimentos de alimento e apenas gañan peso, co que os gastos dos criadores se disparan

As supostas prácticas abusivas da empresa cos gandeiros tamén se dan no momento de recollida dos animais nas granxas para o seu sacrificio. “As demais integradoras recollen os polos aos 45 ou 47 días. E se o tempo nas granxas pasa dos 52 aplican uns abonos ao prezo. Sen embargo, os tempos de recollida de Avigrao adoitan exceder a media habitual e a empresa obriga aos gandeiros a asumir o custo engadido; pois aplica sempre a mesma tarifa independentemente do tempo de cría das aves”, explica Loli García, responsable sectorial de Avicultura de UUAA.

A partir da sétima semana os animais son máis esixentes e menos rendibles: aumentan os seus requerimentos de alimento e apenas gañan peso, co que os gastos dos criadores se disparan. Unións Agrarias insta a Avigrao a rectificar e a cumprir co dereito dos produtores a cubrir os seus custos de produción, tal e como estipula a Lei da Cadea Alimentaria.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información