“A Unión Europea debería obrigar a que se analicen os residuos de pesticidas nos produtos alimentarios finais”

Entrevista a Jaime Fernández Paz, director do Laboratorio Agrario e Fitopatolóxico de Galicia (Lafiga), laboratorio de referencia para as análises de alimentos, bebidas, alimentación animal, fertilizantes, diagnósticos de sanidade vexetal, análises de residuos de pesticidas e solos en Galicia.

“A Unión Europea debería obrigar a que se analicen os residuos de pesticidas nos produtos alimentarios finais”

Jaime Fernández Paz, director do Laboratorio Agrario e Fitopatolóxico de Galicia (Lafiga)

O Laboratorio Agrario e Fitopatolóxico de Galicia (Lafiga),  dependente da Consellería do Medio Rural, é un referente na Comunidade na análise de alimentos, sanidade vexetal, bebidas ou solos. Situado en Abegondo (A Coruña) encárgase de verificar a sanidade dos cultivos e a calidade dos produtos agroalimentarios de Galicia.

Jaime Fernández Paz leva traballando 11 anos neste laboratorio, e tamén traballou no CIAM onde foi director durante sete anos.

¿Cal é a misión do Laboratorio Agrario e Fitopatolóxico de Galicia?
O Lafiga é o laboratorio oficial e de referencia da Xunta de Galicia para realizar análises de bebidas, alimentos, solos, fertilizantes, de alimentación animal, sanidade vexetal e de restos de pesticidas.

As nosas análises son tanto oficiais, para investigacións contra a fraude e para empresas que queren exportar os seus produtos ao exterior, como de carácter informativo. Son análises oficiais as que se fan para os servizos da administración, tanto para detectar posibles fraudes como para control da calidade agroalimentaria e tamén é o laboratorio oficial para a sanidade vexetal. Son análises informativas as que se fan para adegas, industrias agroalimentarias, agricultores, gandeiros…etc. Tamén realizamos unha labor de formación, indicando a gandeiros, agricultores, adegas e industrias agroalimentarias que facer unha vez que reciben as análises.

Unha das principais actividades do laboratorio son as análises de sanidade vexetal, cunhas 3.200 mostras o ano pasado, principalmente pola campaña de vixilancia e control da Tecia Solanivora, ou couza guatemalteca da pataca. Tamén realizamos unhas 3.800 analíticas de viños, cervexas, sidras e bebidas espirituosas. De fertilidade de solos vimos realizando unhas 1.000 mostras, de presenza de residuos en alimentos unhas 900 e arredor de 400 mostras oficiais de fertilizantes.

A maior parte das nosas análises son de viños e de bebidas espirituosas. Ademais de análises informativas, realizamos análises oficiais para ver se cumpre coa lexislación e detectar posibles fraudes.

Por último, recibimos tamén a moitos alumnos de ciclos superiores e das tres universidades galegas para facer as súas prácticas.

Quixera destacar que Laboratorio Agrario e Fitopatolóxico de Galicia está acreditado pola norma ISO/IEC 17025, pola cal somos sometidos a uns controis de calidade, a unhas esixencias de formación do persoal e á obriga de participar en ensaios interlaboratorios, o que garante a nosa fiabilidade.

Sen embargo, a nivel de persoal a realidade é que estamos en cadros e dos 41 postos de traballo do laboratorio só están cubertos a día de hoxe 30. Esto fai que, a pesar de contar cunha dotación medios en xeral avanzados, teñamos falta de persoal para manexalos.

¿Cal é a evolución nas análises que realizastes en canto a residuos en bebidas?
Este laboratorio fai unha labor moi importante para as adegas xa que emitimos os certificados de análises para a exportación e poder así acreditar que cumpren os parámetros que se esixen en calquera país do mundo.

Estas esixencias varían moito por países. Así, no viño para Xapón por exemplo pídese análise de ácido sórbico, un conservante; Estados Unidos pide analítica de flúor; Brasil pide análises de azucres….etc. E este laboratorio é o encargado de emitir o informe oficial que acredita que o viño en cuestión cumpre con eses parámetros.

 “Non se entenden que os Consellos Reguladores encarguen as súas análises a laboratorios de fóra de Galicia”

Ademais, realizamos certificados informativos, análises para adegas que non teñen laboratorio propio. Nelas ofrecemos información de acidez, grao alcohólico, azucres e dióxido de xofre.

Por último, o Lafiga tamén realiza as análises para os Consellos Reguladores das cinco Denominacións de Orixe, para ver se os viños cumpren os pregos de condicións de cada unha delas.

Neste sentido, é de lamentar que, a pesar de ser un laboratorio de referencia e de que estes Consellos Reguladores reciben cuantiosas axudas públicas da Xunta, a maior parte deles encargan a realización destas análises a laboratorios de fóra de Galicia.

¿Observades tendencias nas análises dos viños galegos en canto á presenza de residuos?
A tendencia é positiva en canto a cada vez detectamos menos residuos. Recibimos uvas, mostos e viños e é moi minoritario detectar mostras con restos de pesticidas. Entendo que isto é grazas a que os viticultores son cada vez máis profesionais e a que se esixen carnés de manipuladores de produtos fitosanitarios e hai uha maior trazabilidade destes produtos.

Outras das vosas liñas de traballo son as analíticas de solos ¿Empezades a detectar contaminación por nitratos de orixe gandeira, como fixo público recentemente Augas de Galicia?
En xeral, Galicia está libre de puntos negros por exceso de fertilizantes. Neste sentido, o Centro Tecnolóxico da Carne envíanos mostras de augas das zonas de cultivo da Limia, -a comarca de Galicia que podería ter máis problemas por exceso de carga gandeira-, e de momento os resultados non exceden os valores permitidos en canto a presenza de nitratos.

“Non detectamos de momento contaminación de augas por nitratos de orixe gandeira”

En canto á fertilización, os gandeiros profesionais que teñen unha explotación dimensionada non solen ter problemas de exceso ou falta de abonado porque saben que a fertilidade do solo vailles ao peto. Así, procuran realizar no inverno analíticas de solo e non gastar cartos en abono inorgánico ou orgánico que non é necesario para as extraccións dos cultivos que van ter en rotación.

Penso que hai que seguir formando, e sobre todo concienciando, aos gandeiros en fertilización racional e eficiente porque, se cadra co esterco da propia explotación sería suficiente. Os agricultores e gandeiros máis profesionais fano ben e aforran moitos miles de euros en fertilizantes de síntese.

E en canto á sanidade vexetal, ¿Cales son as vosas principais áreas de traballo?
Este ano fixemos máis de 3.200 análises de sanidade vexetal, algo excepcional, sobre todo pola Tecia Solanivora ou couza guatemalteca da pataca.

En cultivos leñosos tratamos sobre todo fusarium do piñeiro e en cultivos herbáceos analizamos cereais, leguminosas, proteaxinosas e moitos cultivos de horta (pataca, leituga, pemento..).

Neste campo penso que habería que mellorar a coordinación do laboratorio cos Servizos de Sanidade Vexetal, para que podamos comprar medios e reactivos. É dicir, deberían previrnos sobre o que podemos atopar para que podamos mercar o que precisamos para facer esas análises.

En xeral, penso que é moi necesaria mellorar a coordinación dentro da Administración.

Ademais do que xa expuxo en canto ás necesidades de persoal e de mellorar a coordinación, ¿Que outros aspectos son necesarios para mellorar o traballo do Lafiga?
Temos moitas dificultades para detectar residuos de glifosato por falta da tecnoloxía adecuada, e en concreto de persoal especializado.

En total, no Lafiga detectamos 254 pesticidas en todo tipo de materiais (solos, augas, alimentos, bebidas, forraxes…etc). Sen embargo queda moito por facer tanto a nivel da Unión Europea como galego.

En canto á UE, a Comisión aínda non fixou límites máximos de residuos de pesticidas en moitos dos alimentos, das bebidas e dos produtos de alimentación animal, e queda moito por facer. Analízanse estes residuos en forraxes e en pensos pero non en produtos alimentarios finais, como leite, froitas, verduras ou carne, e iso non é comprensible, a non ser que a Comisión non se atreva polas presións existentes.

 “Precisamos máis persoal pois só están cubertas 30 das 41 prazas do Lafiga”

En canto a Galicia, ata hai pouco realizábamos as análises de residuos en alimentos para a Consellería de Sanidade. Os inspectores desa consellería empezaron seleccionando 360 mostras de alimentos dos establecementos comerciais de Galicia, e logo, reducírona a 70, unha mostraxe que claramente non é representativa. E hai un par de anos a Consellería de Sanidade decidiu montar a súa propia unidade de análise de residuos de pesticidas dentro do Laboratorio de Saúde Pública, deixando de enviarnos as mostras, a pesar de que contamos con experiencia probada e cun equipo que custou 250.000 euros. Isto non pode suceder cos fondos públicos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información