Ante a próxima formalización do acordo comercial entre a Unión Europea e os países do Mercosur (Arxentina, Brasil, Paraguai e Uruguai), a Unión de Consumidores de Galicia e ConsumES analizan os seus posibles efectos sobre a alimentación da cidadanía. Desde a perspectiva das persoas consumidoras, a cuestión central non é só económica, senón tamén a seguridade alimentaria e a calidade dos produtos que chegarán ao mercado.
O acordo prevé unha maior entrada de produtos agroalimentarios procedentes do Mercosur, especialmente en categorías sensibles como carne de vacún, carne de ave, azucre ou determinados produtos agrícolas. Este aumento dos fluxos comerciais implicará unha maior necesidade de vixilancia, controis eficaces e transparencia informativa, elementos esenciais para manter a confianza da cidadanía.
Desde as asociacións de consumidores sinalan que o principal reto non será tanto a seguridade alimentaria obxectiva, que conta cun dos sistemas de control máis esixentes do mundo, senón a calidade percibida e a confianza das persoas consumidoras. Parte da cidadanía expresa preocupación polas diferenzas nos modelos de produción, o uso de determinados fitosanitarios ou o impacto ambiental dalgunhas explotacións nos países de orixe. Aínda que estas cuestións non implican automaticamente riscos sanitarios, si inflúen nas decisións de compra.
Por este motivo, consideran necesario reforzar a claridade do etiquetado de orixe dos alimentos, a trazabilidade completa, especialmente nos produtos cárnicos, a información pública sobre controis e inspeccións e o acceso sinxelo aos sistemas oficiais de alerta alimentaria. “Unha persoa consumidora ben informada pode exercer o seu dereito a elixir con liberdade e responsabilidade”, aseguran dende Unión de Consumidores de Galicia e ConsumES.
As organizacións de defensa das persoas consumidoras sinalan que continuarán vixiando a aplicación do acordo, reclamando transparencia nos controis e garantindo que a apertura comercial non supoña unha perda de confianza nin unha merma dos dereitos da cidadanía.
Galego










Control OJD