Únicla A2, a aposta de Clun polo “mellor leite”, con aval científico

A cooperativa presentou a nova gama de leite A2, unha liña máis dixerible e saudable, que conta coa aprobación de científicos e pon en valor a investigación para lograr produtos máis adaptados ás necesidades dos consumidores

Únicla A2, a aposta de Clun polo “mellor leite”, con aval científico

Acto de presentación de Únicla A2.

O cartón de Únicla A2 é o resultado do esforzo dos técnicos da cooperativa Clun, dos equipos de veterinaria, dos servizos de alimentación, do Servizo galego de saúde, dos centros de coñecemento e, por suposto, dos gandeiros. Así o subliñou a cooperativa na presentación de hoxe. “Agora, só queda que os consumidores saboreen e poñan en valor isto que creamos”, destacou o director xeral de Clun, Juan Gallástegui, durante a presentación da nova gama de leite A2 que lanzaron desde Cooperativas Lácteas Unidas (Clun).

O presidente de Clun, José Ángel Blanco, destacou a capacidade que tivo a cooperativa ata o momento para situar os seus produtos con alta calidade no mercado e, “coa finalidade de seguir mellorando, apostamos por este leite A2 que é mostra do bo facer dos nosos gandeiros e que achega numerosos beneficios”. Blanco remarcou que dende a Cooperativa traballan coa intención de que o medio rural teña un futuro e para que as futuras xeracións se atopen cun sector dinámico e competitivo, do que poidan vivir e facelo desde o propio rural. “Seguiremos investigando e esforzándonos por ofrecer máis produtos do sector primario ao mercado”.

Estudan como Únicla inflúe na maternidade, tanto nas nais como nos propios bebés, e os seus beneficios na saúde

Contexto
O leite A2 caracterízase por contar só con betacaseínas A2, fronte ó leite convencional, que ten unha mestura de betacaseínas A1 e A2. Esta característica fai que o leite A2 sexa máis dixerible, con efectos positivos como a reducción dos marcadores inflamatorios intestinais. Tamén está comprobado que contén máis Omega 3 que o leite convencional, un efecto cardiosaudable que Clun cuantifica: Únicla A2 ten 4 veces máis Omega 3 que un leite convencional.

A orixe do leite A2 sitúase en Nova Zelandia, de onde se foi expandindo a nivel internacional. En España, a primeira gran experiencia chegou da man de Deleite a partir do 2021, que iniciou a primeira comercialización de leite A2 a gran escala, unha tendencia que despois seguiría a cooperativa andaluza Covap e á que agora se incorpora Clun con Únicla A2.

Na presentación tamén interveu o reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Antonio López, quen mostrou o seu orgullo por “vir dunha familia de gandeiros que formaron parte de Irmandiños, entidade integrada en Clun”. Así, engadiu que se emocionou “por ver como unha cooperativa busca sempre un elemento diferenciador dos seus produtos e a mellor calidade, pero con base científica para chegar a un mundo complexo e esixente no que se compite con grandes empresas”.

Certificación científica
O produto conta con aval científico, feito que destacaron todas as autoridades. Na presentación de hoxe, o veterinario responsable de Innovación en Clun, Ismael Martínez, abordou a estratexia que levan a cabo desde a entidade e a importancia que ten o departamento de I+D+i en Únicla A2. O proxecto de producir este leite conta coa colaboración de diferentes entidades autonómicas, nacionais e internacionais, pero “o principal foi incorporar aos gandeiros á creación dunha calidade diferenciada, que parte da alimentación dos animais”.

Envases de Únicla A2.

Envases de Únicla A2.

Así mesmo, desde o Departamento de Nutrición e Bromatoloxía da USC, Cristina Fente explicou dous proxectos a través dos cales buscan avaliar como afecta este leite Únicla na maternidade. Nun deles, búscase avaliar o impacto do leite Únicla na composición dos ácidos grasos do leite materno, “que xa se demostrou un aumento, do mesmo xeito que en TVA”. No segundo, búscase coñecer os beneficios que lles achega a A2 ás nais: “Aínda é pronto para obter resultados, pero xa hai mamás que están a consumir este leite desde fai máis dun mes e perciben menos problemas nelas e nos bebés”.

Trabállase na dieta das vacas que producen o leite A2, as cales melloran a súa saúde en xeral

A pegada de carbono é outro dos puntos fortes de Clun, xa que segundo destacou a catedrática en Enxeñaría Química Almudena Hospido, foi a primeira entidade en certificarse en pegada de carbono. “No seu momento foi unha posición valente, porque ninguén quería levar iso nos seus cartóns de leite”. Nesa liña indicou que seguen traballando por reducir o impacto na natureza e con esa finalidade “Únicla, ademais de sentarnos ben a nós, séntalle ben ao planeta”.

Alberto Cepeda, catedrático da USC no departamento de Nutrición e Bromatoloxía, expuxo os beneficios da proteína A2 na saúde e concluíu resaltando que se trata “dunha análise exhaustiva de todo o proceso, que se inicia na investigación da herba fresca que van comer as vacas e que acaba dando como froito o mellor leite do mundo”.

Únicla A2, ademais de conter só leite A2, de vacas seleccionadas, mantén as características tradicionais da gama Únicla, baseada nunha alimentación diferencial das vacas para obter no leite un perfil de ácidos graxos máis cardiosaudables.

Paula Fajado, doutora en Bioloxía e responsable adxunta da Liña de Biotecnoloxía e Saúde da área de I+D+i de ANFACO, analizou os efectos no benestar animal da “dieta que reciben as vacas que producen este leite e as intervencións realizadas reducen a necesidade de tratamentos farmacolóxicos e melloran o benestar e saúde xeral do animal”.

Finalmente, interveu Sofía Cordeiro, estudante de bacharelato internacional do IES Rosalía de Castro, quen falou sobre os beneficios para a saúde deste novo leite e a redución das emisións de metano por litro de leite producido.

“Agora que estamos na renovación de contratos, destaco a necesidade de que os gandeiros reciban un bo prezo polo seu leite”

conselleira medio rural maria jose clun
A conselleira de Medio Rural, María José Gómez, resaltou o compromiso de ÚNICLA coa calidade do seu leite “síntome inmensamente orgullosa do sector lácteo galego. Está a facerse un gran traballo, moito e moi bo, para ofrecer o mellor produto aos consumidores. E, neste proceso, a investigación é unha parte esencial para crecer e ser máis competitivos”.

Na mesma liña destacou o labor de Clun, que aposta polo sector primario e polos gandeiros, ademais de traballar en produtos de calidade “que levan a Galicia a ser referencia nacional, tanto en produción láctea como en transformación”.

Durante o acto, tamén recalcou a necesidade de que os gandeiros perciban “bos prezos polo seu leite” nun momento onde se están negociando as renovacións de contratos, “que están á alza”. Ademais, engadiu que os prezos dignos tamén animarán a que haxa unha maior substitución xeracional, xa que “é unha realidade que cada día pechan máis ganderías”, por iso “insistimos na necesidade de que se reduza o diferencial co resto de España”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información