Unhas 800 persoas asisten ás xornadas técnicas de vacún de leite de Seragro

Varios técnicos mostraron como as novas tecnoloxías poden axudar a mellorar o manexo das explotacións. Un relatorio sobre as resistencias aos antibióticos e outros dous sobre xestión de xurros completaron a primeira sesión

Unhas 800 persoas asisten ás xornadas técnicas de vacún de leite de Seragro

Unhas 800 persoas acudiron este xoves ao primeiro día das Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de Seragro, centradas hoxe no uso das novas tecnoloxías nas explotacións, as resistencias aos antibióticos e a xestión de xurros.

No acto inaugural participaron a presidenta de Seragro, Noelia García Santoalla; Eduardo Vidal Baamonde, deputado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo; Daniel Piñeiro, concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, e o decano da Facultade de Veterinaria, Germán Santamarina Pernas.

A importancia da calidade da auga nas explotacións de vacún de leite

A rolda de conferencias técnicas abrina María Somolinos. Esta veterinaria especialista en Bromatoloxía, Sanidade e Tecnoloxía dos Alimentos ofreceu un relatorio sobre xestión intelixente da auga dentro do concepto global de bioseguridade, de maneira que esta contribúa a garantir o benestar animal e a seguridade alimentaria de xeito rendible para a explotación.

Explicou que “se a calidade da auga non é aceptable, o risco de transmisión de microorganismos patóxeno é moi elevado”, e para controlar a calidade referiuse a tres puntos críticos fundamentais: a orixe da auga (manancial, pozo, rede municipal…) ; os puntos finais, especialmente os bebedoiros, e o biofilm, é dicir, a capa de materia orgánica que recobre o interior dos elementos do sistema de distribución (depósitos, tuberías…) e que contén unha alta carga de microorganismos.

O tratamento intelixente de hixienización da auga deberá estar adaptado ás características concretas de cada explotación pero, en liñas xerais, debe ser capaz de eliminar a contaminación microbiana que esta poida ter en orixe e, ademais, deberá eliminar o biofilm existente e evitar que este se volva formar, e todo isto garantindo un residual de produto biocida constante en bebedoiros e outros puntos finais do sistema de distribución de auga.

Na última parte da charla, Somolinos describiu os pros e os contras dalgúns tratamentos dispoñibles para a hixienización da auga, posicionándose como principais o dióxido de cloro e, sobre todo, o peróxido de hidróxeno estabilizado, o cal presenta unha alta eficacia biocida e, ademais, é capaz de eliminar o biofilm existente e evitar que volva formarse.

A continuación tivo lugar un bloque de charlas a cargo de varios técnicos de Seragro nas que o fío condutor foron as oportunidades que as novas tecnoloxías brindan no presente e no futuro das explotacións de vacún de leite.

Vantaxes das novas tecnoloxías

Federico Romero, do Servizo de Reprodución, abordou a implantación das novas tecnoloxías para mellorar e eficiencia reprodutiva das explotacións. O relator fixo especial fincapé na aposta polos sistemas electrónicos de detección de celos a fin de mellorar as taxas de preñez do rabaño e, consecuentemente, diminuír os días abertos e rebaixar os días en leite.

Víctor Fuentes, do Servizo de Podoloxía, presentou os resultados dun estudo no que se analizou a incidencia de lesións podais en granxas con sistemas automatizados de muxido, alimentación e limpeza de patios. A principal conclusión é que o que realmente marca a diferenza da saúde dos pezuños é o correcto manexo das rutinas e das instalacións, se ben a posta en funcionamento de sistemas automáticos para tarefas diarias tamén axuda neste campo. “Sen un traballo ben feito en canto a limpeza, baños, tempos de espera e desprazamentos dos animais non conseguiremos diminuír as lesións no establo, o que nos leva a pensar que a única clave dun bo resultado é un traballo ben feito”, concluíu.

José Luís Míguez, do Servizo de Calidade do Leite, fixo un repaso polos sucesivos avances tecnolóxicos relacionados co muxido, os cales melloraron a propia física do muxido e, ademais, utilizaron a información xerada polos fluxos de leite para evitar sobremuxidos. Dúas ferramentas que marcaron un antes e un despois nesta área foron os retiradores automáticos e os medidores electrónicos, que brindan a oportunidade de avaliar tanto a rutina de muxido coma os tempos deste e confrontar estes datos coa condición de tetos e cos índices de mamite clínica. Míguez tamén se referiu aos métodos para a detección automática de mastite, os cales, dixo, “son dunha grande axuda para incorporar na toma de decisións en granxa, xunto coas novos coñecementos no campo da microbioloxía e no perfil de células somáticas, no contexto actual de redución de antibióticos e secado selectivo”. A última gran revolución produciuse nos últimos anos coa implantación do muxido automático, cuxo gran valor engadido, asegurou, “está nesa pequena gran big data que nos ofrece para poder traballar mellor, non para deixar de traballar”.

Albino Iglesias, do Servizo de Alimentación, enfocou a súa charla en como a robotización pode simplificar o traballo e aumentar a eficiencia alimentaria, sempre e cando sexa o gandeiro o que teña o control da situación e saiba sacarlle partido á máquina, e non ao revés. Ao longo do seu discurso explicou como a incorporación das novas tecnoloxías transformou o xeito de alimentar e tamén tratou de desmentir algúns argumentos que relacionan o fracaso do robot de muxido coa alimentación, cando non sempre por que ser a única causa ou nin sequera ser causa.

Patricia Gómez, do Servizo de Xestión Técnico-Económica, pechou este grupo de intervencións cunha conferencia na que analizou como lle pode afectar á xestión das granxas o uso de novas tecnoloxías para a recollida, o almacenamento e a análise de datos. As ferramentas dixitais simplificarán en boa medida o traballo para obter conclusións da situación na que se atopa a empresa e tomar decisións, pero, á súa vez, reiterou que “o correcto manexo dos datos resulta fundamental”.

O obxectivo da xestión é obter índices técnico-económicos que permitan darlle explicación ás debilidades e ás fortalezas de cada explotación e que orienten o gandeiro de cara a futuros investimentos. “Canto máis ampla sexa a nosa base de datos, máis fundamento terán as decisións que tomemos a partir deles e, tendo en conta que a súa recollida e o seu tratamento é un traballo arduo, todo aquel sistema que nos facilite esta tarefa será benvida. Con todo, debemos ter presente que a necesidade do traballo humano non desaparece, incluso poderiamos dicir que dalgunha maneira se fai, se cabe, máis esixente”, concluíu.

Antibióticos e xestión de xurros, temas da sesión vespertina

A segunda parte da xornada estivo dedicada a dous desafíos aos que se enfrontan na actualidade os gandeiros: a redución do emprego de antibióticos e xestión de xurros para reducir as emisións de amoníaco á atmosfera.

O doutor Bruno González-Zorn disertou sobre a necesidade de facer un uso máis responsable dos antibióticos, debido ao aumento de bacterias resistentes a estes medicamentos e á conseguinte ameaza que isto supón para a saúde pública. Non en van, a ONU advertía recentemente que no ano 2050 a resistencia aos antibióticos se vai converter na primeira causa de morte en humanos se non se toman as medidas oportunas para atallar este problema.

O tamén director da Unidade de Resistencia a Antibióticos da Universidade Complutense de Madrid (UCM) explicoulle ao numeroso público congregado no auditorio as liñas estratéxicas do Plan Nacional de Resistencia a Antibióticos, o cal avoga por unha loita conxunta para preservar a saúde da terra e non só limitada ao ámbito veterinario. En referencia ao sector do vacún leiteiro, asegurou que “non se trata de reducir a cantidade de antibióticos, senón de utilizar a menor cantidade posible dos que se empregan en saúde humana”. Para tal fin é necesario definir e implantar pautas de manexo e tratamento con base científica de cara a realizar un uso máis racional dos antibióticos e evitar a proliferación das resistencias antimicrobianas. Un claro exemplo disto é o secado selectivo das vacas.

A xornada rematou coas intervencións de Juan Castro, investigador do CIAM, que disertou sobre a xestión de xurros en Galicia, e de Juan Álvarez de la Puente, representante da Dirección Xeral de Agricultura e Desenvolvemento Rural da Comisión Europea, quen falou da Política Agraria Común e a condicionalidade.

No seu relatorio, Castro afirmou que no Estado español o 96 % das emisións de amoníaco proceden do sector agrario, pero que só o 8 % desta porcentaxe provén do sector de vacún de leite. Porén, as novas disposicións do Ministerio de Agricultura, máis que da UE, obrigan a reducir estes niveis para acceder ás axudas da PAC, e o experto citou algunhas boas prácticas para conseguilo.

Neste sentido dixo que aumentar o tempo de pastoreo é “a mellor forma de reducir as emisións de amoníaco, sempre e cando exista a posibilidade de ampliar a superficie de pradeiras e prados”.

Diminuír o contido proteíco nas racións, procurar formar costra na fosa e enterrar o xurro con grade de discos inmediatamente despois de aplicalo en abano con prato de choque, coincidindo con previsións meteorolóxicas favorables, coma o orballo, son outras prácticas coas que se poden reducir as emisións ata nun 50 %. Estas boas prácticas, asegurou, “poden ser máis eficientes que utilizar apeiros, como a inxección ou as mangueiras arrastradas, e sen apenas custo económico”.

Tamén se referiu á importancia de dimensionar correctamente as fosas para non ter que baleiralas cando non é preciso fertilizar. “Botar o xurro no inverno significa perder a metade de nitróxeno e logo ter que mercalo para fertilizar na primavera, co que practicamente se duplican as emisións de amoníaco e de óxido nitroso, aproximadamente dez veces máis prexudicial que o metano para o quecemento global”, concluíu.

Álvarez de la Puente avanzou as liñas da nova PAC –período 2021-2027–, na que a condicionalidade formará parte integrante da súa arquitectura medioambiental, e corroborou que entre os requisitos que terán que cumprir os agricultores para acceder ás axudas se atopa a redución dos niveis de amoníaco e óxido nitroso. Non obstante, os Estados membros terán liberdade á hora de establecer as normas para acadar estes obxectivos, xa que o enfoque único do pasado será substituído por un sistema máis flexible no que cada país poderá decidir a mellor forma de acadar os obxectivos comúns e, á vez, responder ás necesidades específicas dos seus agricultores e gandeiros.

Ao remate da mesa redonda, os asistentes tiveron oportunidade de participar nun encontro gandeiro no que Pioneer presentou o seu novo servizo de mapeo e seguimento de parcelas vía satélite.

O programa do venres

A xornada de mañá comezará cunha charla sobre o impacto das coxeiras na economía e no benestar animal a cargo de Javier Blanco Murcia. Seguirao no estrado o asistente de investigación da Universidade de Illinois Iván Ansia para falar de nutrición e socialización en xatas lactantes, e rematará a mañá o xerente de Control da Produción da Asociación Holstein de México, Carlos Á. Hernández, cun relatorio sobre eficiencia en establos leiteiros. O veterinario Javier Camba falará do valor da vaca morta e os gandeiros Ricardo Gómez, Santiago García e Jesús Perfecto Fernández exporán as súas experiencias con tres sistemas distintos para a produción de leite.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información